menu Menú
A mirada náufraga 2: O bulbo raquídeo
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), La mirada náufraga en agosto 2, 2017 0 Comentarios 2 min lectura
A ollada náufraga 4: Acetona Anterior O avión do odio de HAZTE OÍR (deberían chamarse HÁZTELO VER) Siguiente

Non sabemos se iso de ter “sede de xustiza” por empezar en bíblico, é ou non algo natural, ou sexa, algo que levamos no bulbo raquídeo, que é ese sitio que non temos moi claro onde está mais que serve para situar nel todo canto comportamento pensamos que é atávico, natural ou inevitable (nada é atávico, natural ou inevitable, pero hai que manterlle a ilusión aos que cren no bulbo raquídeo). En calquera caso, semella que algo si que si, ou sexa, que nos alivia saber que se fai xustiza aínda que facer xustiza sexa algo tremendamente inxusto. Os machistas, por exemplo, non sufren moito porque as mulleres sufran condicións de desigualdade (aínda que saben que é inxusto, pero, en calquera caso, non van permitir que a xustiza lles estrague a posición de privilexio… xa saben, a testosterona dominante, substancia que seguro que se segrega no bulbo raquídeo atávico e prehistórico).
Dicía que igual si que si, e por iso cando somos cativiños e batemos contra dunha mesa os maiores nos din que lle peguemos dicindo iso de “mala mesa, mala, mala mesa!” e nós, mentres sorbemos os mocos, mallamos na mesa convencidos de que así se restablece a xustiza, ou sexa, a orde no mundo a través do castigo dos malos, a saber, neste caso, a mesa (cando en realidade, a pobre mesa non ten culpa de nada: son os cativos que non se levan ben co equilibrio, habería que partirlle a boca a  Newton).
Sexa como for de complicado o asunto para as persoas, conviremos en que os gobernos deberían de ser, por definición, xustos. E porque non temos nada claro que é a xustiza, aceptamos un mínimo, por exemplo, o cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (así pois sería inxusto darse biquiños, como fai a Real Familia, cos xeques árabes dos países onde se aforca xente por ser homosexual, ou onde non se lles permite ás mulleres votar).
Por iso, non se entende que sabendo como sabemos que hai 19 cargos franquistas reclamados pola xustiza internacional, que o goberno non faga nada. Eses reclamados están por cometer barbaridades e atentados contra os dereitos humanos básicos que non hai bulbo raquídeo que xustifique. Só unha condición moral noxenta e imperdoable. E un goberno cómplice, claro.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar