menu Menú
A necesidade de coidar das palabras: golpe de estado, Cataluña nazi, pederastia...
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en septiembre 19, 2017 0 Comentarios 2 min lectura
Se quixesen solucionar o de Cataluña... Anterior A ollada náufraga 5: Vida extraterrestre Siguiente

Hai que coidar as palabras, que non é tan difícil.

Hai que evitar falar tan lixeiramente como se fai por aí con moi mala uva.

Porque estamos a escoitar falar polo asunto catalán (polo asunto español) de «golpe de estado» con total naturalidade. Repíteno continuamente e, insisto, lixeiramente: isto é un golpe de estado, están actuando co poder da forza, isto é unha patada á democracia…

Pois non. Veredes: un golpe de estado é, sobre todo, iso, un golpe, é dicir, un acto violento que, polo xeral, adoita ir acompañado de tiros e de mortos. De feito, os do 23-F tiñan xa listas de xente a fusilar. E isto non é un golpe de estado porque un golpe de estado non se dá con urnas polo medio independentemente do legais ou ilegais que a unha das partes lles parezan esas urnas e esa convocatoria. Nun golpe de estado non se vota. Se extermina, asasina, fai desaparecer. Pero non se volta.

A cousa é importante porque cando se banalizan expresións como «golpe de estado» ou palabras como «liberdade» (parece, segundo algúns, que todo o mundo está obrigado a votar que si á independencia o 1 de outubro, e iso non é para nada así, cada un vai ser libre de votar o que lle preste), de súpeto todo se iguala. E aparece un Tejero delavida para dicir que o seu e o dos seus amiguetes non foi tan grave como o que os independentistas queren facer.

Ou un Alfonso Rojo, esta mesma mañá, soltando que non hai diferencia entre a Cataluña e a Alemaña nazi. Pois si. Haina. E moita. Na Alemaña nazi matábase xente a esgalla. Aquí só hai un grupo de xente tentando facer unha manobra política que, por certo, lles pode saír mal. Porque pode gañar o non.

E quen cita isto pode citar a un Juan Manuel de Prada dicindo que o desafío soberanista é tan grave como a pederastia. Creo que non teño que contraargumentar sobre isto.

Somos palabra e linguaxe, e con todo ese material, configuramos a nosa visión do mundo.

Cando se estude con calma este período histórico haberá que deterse a analizar como algúns estragaron e retorceron as palabras para obrigalas a significar o que non, o que nunca foi o seu significado. Para contaminarnos e impedirnos pensar con claridade.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar