menu Menu
COMPENDIO DE PÁNICOS
Texto sobre IRIDIUM publicado no Sermos Galiza do 5 de decembro de 2018
Por Francisco Castro Publicado en Para ler, Sermos Galiza en Decembro 6, 2018 0 Comentarios 4 min lectura
Un home que non dá a man Anterior 'Os mortos daquel verán' Todo era verdade Seguinte

Un escritor debe contar sempre a verdade aínda que conte mentiras. Se está ben contado, é verdadeiro. Sexa un relato de corte realista ou sexa unha historia sobre unha nena que adormece e ve unha lebre vestida cun chaleque do que pendura un reloxo e se mete por un burato ou sexa sobre un pobre home que logo dunha noite de soños intranquilos esperta convertido nun becho monstruoso. Tanto ten. Se está ben contado é verdade.

A literatura fala da verdade.

Iridium quere ser un honesto exercicio de verdade. Quere reflectir unha realidade (non a realidade) e facelo ben. Cunha certa credibilidade.

Por iso Iridium é o primeiro libro que escribo morto de medo.

É a miña obra número 17 nunha carreira literaria que xa ten unha certa traxectoria. Todas as outras 16 escribinas dende unha desinteresada e tranquila placidez deixando que os meus dedos acariñasen o teclado e fosen un pouco onde lles prestase. Así saíron alguhas como saíron mais tamén é certo que outras saíron, digamos decentes. Sen embargo, Iridium foi escrita coa alma do autor feita un nobelo de nervios. Durante os meses de redacción coido que se me notaba nos ollos e, sobre todo, na maneira en que me enfrontaba ao arquivo da novela. Non me pasara antes. E non falo de bloqueos do escritor que, modestia a parte, nunca sentín e vexo difícil sentir por como son eu de arroutado. O medo viña dun lugar moito máis profundo: o pánico a non dicir verdade.

A novela trata sobre unha rapaza con Dano Cerebral Adquirido. E velaí está a chave da porta aberta do pánico.Do medo a non ser quen de escribir a historia. Porque dende o primeiro instante fun moi consciente de que era doado caer no pastiche, na caricatura, na historia, digamos, efectiva (un xa ten moitos anos de oficio e pode facer case que todo), que funcionaría ben mais que estaría, probablemente, chea de tópicos. Podía escribir unha historia de superación, case épica, contando como unha rapaza nova con tantísimos problemas sae adiante. Podería funcionar, si.

Pero sería unha trola coma unha casa. Mentira mentireira. Unha fraude.

O medo é non dicir verdade, por iso, e por vez primeira na miña vida, ademais de ler moito sobre o Dano Cerebral Adquirido, pedín axuda. Falei con quen tiña que falar antes de escribir unha soa liña transmitíndolles ese meu temor a escribir calquera cousa sen valor.

tendéronme en FEGADACE e ALENTO VIGO dende o minuto cero con emoción. E puxéronme no camiño de Andrea, unha rapaza máis ou menos do tempo da miña Iris, a protagonista da novela.

Con Andrea houbo horas de conversa, risas, confidencias e galletas. Ela entendeu o que eu quería. Falar do día a día dunha rapaza con esta circunstancia vital. Pero falar de verdade. Por iso foi xenerosa e non agachou ningún tema. E así fun creando a Iris.

Iridium non conta a historia de Andrea. Pero sen Andrea non podería existir a novela. Se hai algo de verdade, como seica que hai á luz do que me chega das persoas que leron xa o libro, en boa medida é cousa dela, que me fixo entender como era esa vida con ese condicionante e, sobre todo (velaquí o gran tema da novela), como é a mirada dos outros.

Porque Iridium é unha novela sobre a mirada dos outros.

Rematada a novela, o medo incrementouse e, por vez primeira tamén na miña vida, fixen algo que antes nunca fixera. Escribinlle ás dúas institucións que me acompañaran no proceso creativo e mandeilles a novela cunha mensaxe moi sinxela: “velaí vai. Se non vos gusta non a publico”.

O medo foi compañeiro durante unha semana. Ata que contestaron, emocionados, dando as grazas.

Dixeron que o libro era de verdade

E o medo todo marchou para sempre.

editorial galaxia iridium sermos


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar