menu Menu
En Alemaña, desnazificación. En España...pois iso
Pablo Casado xoga coa ventaxa de que á cidadanía nunca lle contaron de verdade que pasou  na Guera Civil
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Setembro 3, 2018 0 Comentarios 3 min lectura
Presentación en Barcelona de EM DEIA SIMBAD Anterior Presentación de EM DEIA SIMBAD en Barcelona Seguinte

Pablo Casado, na súa loita sen descanso por situarse máis á dereita de Albert Rivera (que xa é difícil, este está tan á dereita, tan á dereita, que se vai pasar de freada e vai aparecer na esquerda), solta pílulas dialécticas tan alucinantes como as que ceibou pola boca esta fin de semana, en Galicia, cualificando a Lei de Memoria Histórica como  “una ley que arroja paladas de rencor sobre la sociedad española”. Traducido: buscar aos españois soterrados en cunetas, aclarar as barbaridades que lles fixeron, buscar aos responsables de todo iso, anular as sentencias inxustas…é dicir, facer o que dicta a ética, a moral, o sentido común, a xustiza, e iso de ser boas persoas, todo iso, é malo.  Deixalos nas cunetas, non buscar culpables, manter as sentencias en vigor, etc, todo iso, é bo.

Aproveitou para falar de que o PP impulsará unha Lei de la Concordia cando volva gobernar e para loubar a “exemplar Transición española”, feito histórico que, co paso dos anos, cada día se sostén menos e que evidencia que sobre todo foi unha manobra para que os franquistas de sempre puidesen seguir no machito pero, desta volta, con aparencia de demócratas.

Todo isto sucede en España, entre outras cousas, porque nunca se nos contou de verdade que foi o que pasou na Guerra Civil. E o que se contou, sempre foi mentira. Empezando por iso de que había “dous bandos”. Non é certo. Non había dous bandos en lexítima batalla vendo a ver quen se impuña sobre o outro. Había un bando. O fascista. O golpista. O sublevado. Se hoxe, contra a democracia española se levantasen un grupo de militares fascistas tentando instaurar un réxime militar como o que aturamos aquí 40 anos, todos teriamos claro que non serían “dúas Españas” batallando.

En Alemaña, así como rematou a Segunda Guerra Mundial, tiveron claro que empezaban un proceso de “desnazificación”. Comezaron borrando todo símbolo, todo emblema, calquera cousa que lembrase aos nazis. Por aquí, xa sabedes, Mausoleo de Franco, títulos nobiliarios para a súa familia (xa en democracia), igrexas cos nomes dos caídos só dos Nacionais, etc. En Alemaña fixeron leis para que sacar unha svástica ou facer o saúdo nazi te leve directamente a prisión. Aquí, vémolo a diario polas redes, o facherío español agrede, rebenta actos, e exerce toda a súa violencia na máis absoluta das impunidades. En Alemaña é obrigatorio visitar durante a ESO un campo de concentración, actividade, sen dúbida, educativa e necesaria para coñecer a historia e non repetila. Por aquí aínda vin hai pouco un libro de texto onde se dicía que Federico García Lorca “murió durante la Guerra Civil”. Non se aclara se lle caeu un meteorito enriba ou por que morreu.

Por iso, neste tempo de posverdades, Casado pode dicir as parvadas que di sen que ninguén se bote as mans na cabeza.

memoria historia pablo casado pp


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar