menu Menu
Francisco Castro lanza 'Iridium', unha novela protagonizada por unha moza con DCA
Dirixida ao público xuvenil, a obra vaise presentar en Vigo o 25 e en Compostela o 29 de setembro.
Por Francisco Castro Publicado en Axenda en Setembro 12, 2018 0 Comentarios 3 min lectura
“Hoxe non se pode escribir unha novela protagonizada por mozos sen redes sociais” Anterior A EDITORIAL GALAXIA E A LITERATURA GALEGA DA EMIGRACIÓN Seguinte
Este mes revelouse o contido do proxecto no que traballamos o escritor Francisco Castro, FEGADACE e Alento: a publicación de Iridium pola Editorial Galaxia. A novela, que saíu do prelo o 3 de setembro, forma parte da colección Costa Oeste, e pódese atopar xa nas librarías.
Trátase dunha novela xuvenil que aborda temas como a discapacidade, a igualdade ou as discriminacións a través da historia de Iris, unha rapaza que ten dano cerebral adquirido por causa dun accidente de tráfico. Unha historia de amor, a relación cos pais, a convivencia no instituto ou o tempo nun centro especializado en DCA serven a Francisco Castro para facer ao público adolescente reflexionar sobre as nocións de “normalidade” e de respecto mutuo.
Mercando Iridium colaboras con FEGADACE e con Alento, pois o autor cédelles o 2% do prezo de cada libro vendido.
Presentacións a finais de setembro
A libraría Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27) vai ser o escenario da primeira presentación da novela. O acto vai ter lugar o 25 de setembro a partir das 19:30. Ademais do autor da novela, van intervir na presentación a pedagoga Paz Raña Lama e a neuropsicóloga de Alento Amparo Rodicio Quiroga. Amparo achegará un punto de vista técnico e didáctico sobre o DCA, que tamén levará, con Francisco Castro, nunha xira de presentacións de Iridium en centros escolares.
FEGADACE contará, ademais, coa intervención de Francisco Castro na Xornada sobre o DCA, onde o escritor realizará unha breve presentación do libro acompañado, outra vez, por Amparo Rodicio. A #XornadaDCA vai ser o 29 de setembro na Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos, s/n), en Santiago de Compostela, e o apartado sobre Iridium comeza ás 13:40.
A continuación está previsto que Francisco Castro realice máis presentacións en librarías, que se irán anunciando a través da páxina web e redes sociais da Editorial Galaxia e de FEGADACE, e un ciclo de encontros co alumnado de bacharelato de diferentes centros educativos de Galicia. Nestes encontros, acompañado de Amparo Rodicio, que achegará un punto de vista máis científico, técnico e divulgativo sobre o DCA, presentarase o libro e realizaranse diferentes actividades de sensibilización sobre os temas de Iridium: a igualdade, o respecto, a normalidade…
Historia dunha colaboración
O tratamento da discapacidade e do tema da diferenza non é novo en Francisco Castro. A súa bibliografía conta con títulos como O neno can (escrito con Fina Casalderrei) ou Chamádeme Simbad, en torno ao alzhéimer.
Hai xa uns anos que o escritor comezou a interesarse polo dano cerebral adquirido. Froito deste interese é a relación establecida con FEGADACE e con Alento, onde coñeceu a Andrea, unha rapaza con DCA que inspirou e asesorou ao escritor para a construción da personaxe de Iris, e a quen dedica Iridium coa lenda “Para Andrea, que foi e volveu”.
Francisco Castro ten impartido un obradoiro de escrita na asociación viguesa, a Editorial Galaxia -que agora mesmo dirixe- realizou unha doazón de libros á entidade e, con Iridium, vaise destinar o 2% do prezo de cada exemplar a Alento e a FEGADACE. A asociación e a Federación de DCA tamén figuran nos agradecementos da obra coa afirmación de que “todos os días soben o Himalaia. E sen osíxeno”.

alento amparo rodicio quiroga editorial galaxia fegadace francisco castro iridium paz raña lama


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar