menu Menu
O currusco
Por Francisco Castro Publicado en Sermos Galiza en Outubro 5, 2018 0 Comentarios 2 min lectura
«Melengakerietatik ihes egin nahi nuen» Anterior “Hoxe non se pode escribir unha novela protagonizada por mozos sen redes sociais” Seguinte

Para o que nos educan é para sermos normais, obedientes, responsables. Conseguir cidadáns así é garantía, probablemente, de supervivencia social. Necesitamos anexionar individualidades para ser tribo e non ser papados con tomate polos da cova do lado, así que canto antes entendamos a diferencia entre o que está ben e o que está mal, mellor.

Nembargantes, esta esixencia de normalidade (que aprobamos con palabras cómplices, agasallos, títulos académicos e premios de todo tipo) adoita traer consigo un efecto secundario demoledor, que é a infelicidade. Porque un coida que é feliz conseguindo todas esas metas, cruzando sempre en verde e casando e tendo fillos e fillas cos que repetir o esquema, pero en realidade, se un se pon a pensar (e todo está deseñado – educación, partidos políticos, relixión, etc – para non pensar) polo xeral un entende que o que lle roubaron é a posibilidade de ser feliz.

Creo que entendín isto sendo moi neno, e agora que xa teño canas (na barba, no pelo non) tento lembrar isto a diario e non perder de vista que a felicidade ten que ver coa disidencia. Para min é unha verdade tan absoluta que tendo a non fiarme xamais, ou cando menos a desconfiar, das persoas correctas, esas que andan pola vida con cara de notarios de cando o mundo era en branco e negro.

Porei un exemplo desta mesma mañá. Subín no ascensor cun veciño que, coma min, viña de marcar o pan. Probablemente para facer torradas, coma min. É un veciño duns 50 anos, coma min. Dirixe unha empresa, coma min. Pero no asunto da aparencia de decencia e respectabilidade, el probablemente me gaña porque baixou á panadaría vestido como probablemente vai traballar. Pantalón escuro, camisa e chaqueta. Eu, pola contra, vou en tenis, vaqueiros e unha camiseta do Rei Zentolo. Como vou traballar. A priori os dous somos máis ou menos iguais pero, sabedes por que sei que eu son máis feliz? Porque a súa barra, que sobresae polo escaso papel co que o enfundan na panadaría, está intacta pero a miña ten o currusco cortado. Si. Dende neno, cando merco o pan, arranco o currusco e pápoo (seguro que en galego normativo non é currusco, pero na miña casa é así). Meu pai cabreábase: “non se arrancan os curruscos!” Pero eu facíao, fago, e morro de gusto vulnerando as normas. Libre.

francisco castro pan sermos galiza


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar