menu Menú
10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 1: DON`T LET ME DOWN
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en mayo 9, 2017 0 Comentarios 2 min lectura
10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 2: IF I FELL Anterior Cando o goberno financia o odio Siguiente

Comezo hoxe unha serie de 10 post para tentar explicar estes primeiros 50 anos da miña vida a través de 10 cancións. Poderían ser outras. Pero son estas.

Esta canción dos Beatles, aínda que asinada coma sempre por Lennon-McCartney, en realidade era de John. Interpretárona en directo, nun improvisado concerto na azotea do seu edificio de Appel Records, un día de frío e xélido inverno londinense. Mirade como van de abrigados e o fume que sae da súa boca. Conseguiron paralizar o centro de Londres. Os Beatles estaban dando un concerto sen avisar. Ata que chegou a policía e mandou parar.
A canción, musicalmente, é perfecta. A interpretación vocal de John, maxestosa pola carga de area e o pouso tremelicante que hai no desgarro de cada vez que repite, coma mantra, ese «Don`t let me down». E velos aos 4 (coa axuda de Billy Preston ao piano eléctrico) tocala en directo, impresiona.
Desta canción, cuxa tradución do título podería ser algo así como «Non me falles», hai un verso que sempre me impresionou. John escribe a canción logo de pedirlle o divorcio á súa primeira muller, Cynthia. Acaba de marchar a vivir con Yoko Ono, unha interesante artista de vangarda (aínda o é) e están machacándoos a críticas, todas elas, por certo, ben machistas e inxustas. Ademais, o grupo está pelexándose a diario, non se aturan entre eles, non queren nin verse. É tempo para el, pois, de ilusión por un novo amor, pero tamén de medo porque se lle cae o mundo tal e como o tiña montado. Nesa tesitura, el escribe un verso crucial nesta canción dirixida a Yoko na que lle pide que non lle falle: «I’m in love for the first time». Algo así como, «vou namorado por vez primeira». Ese verso impresiona. Lennon ten preto de 30 anos e moita vida detrás. Aposta por Yoko e está morto de medo. Mais dille: estou namorado por vez primeira. Non me falles.
O protagonista de TES ATA AS 10 escoita esta canción e fai, precisamente, esta reflexión. Porque o verso, dende logo, impresiona.
Por iso é unha das cancións da miña vida.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar