A miña amiga Mercedes Cerdeiras, gran bibliotecaria na Coruña e lectora intelixente, púxome na pista de 12min Book Summary Library, unha app que nos ofrece o que eles chaman microlibros que, segundo eles, poden lerse nun máximo de 12 minutos. A aplicación, que xa teño instalada no meu móbil, garante que vas ler libros pero indo ao esencial, ao concreto, resumos resumidísimos do concretérrimo, por dicilo dun xeito chusco, de cada libro. Nada de grandes capítulos onde hai palabras e parágrafos e subordinadas e diálogos. Nada desas cousas que amolan. Vaiamos ao concreto: este libro trata disto e do de máis aló, acontece tal cousa e o final é así.
Chimpún.
O argumento para que te instales a app é o imaxinado: vivimos tempos difíciles e daquela non tes tempo para ler. Así que reserva 12 minutos ao día (quen non ten 12 minutos ao día?) para ler un microlibro. Argumentan, tamén, que é “unha maneira de ler máis libros en menos tempo”. Ou sexa, colocan a cantidade por enriba da calidade.
Como se dedicarlle, eu que sei, un mes a un bo libro, lendo cando se pode, fose unha perda de tempo.
No fondo o discurso responde á lóxica dos tempos. Para que vas ler unha noticia se podes ler un chío de Twitter. Urxencia, rapidez, todo inmediato. Vidas urxentes e amor urxente (que debe durar, estaremos de acordo, non?, máis de 12 minutos).
Como Mercedes me dicía, “todo ten un límite”. E si, concordo. E por iso reivindico máis unha vez a lectura como unha actividade lenta, na que se precisa vagar, na que se necesita, sobre todo, tempo. Porque non é o mesmo, non pode ser o mesmo, mergullarse con moita calma entre as frases de, poño por caso, Así falaba Zarathustra, de Nietzsche, que ler o microlibro de Así falaba Zarathustra en 12 minutos. Cando lemos esa obra mergullámonos nunha determinada música significativa. E a iso só se chega logo de moitas páxinas, cando xa estamos dispostos a aceptar o xogo de estilo do autor como un criterio de verdade de todo o que nos conta. Nun microlibro, como que non o vexo moi posible.
Así que, coma sempre, varias preguntas:
-un microlibro é un libro?
-fomentan a lectura este tipo de aplicacións?
-é iso, en senso estricto, lectura?
Pola miña banda, e ídelo entender por puro contexto, informo de que, sempre que me preguntan que mercaría se fose millonario (algo que nunca serei dedicándome ao que me dedico), respondo: tempo. Mercaría tempo.
Tempo, para ler.
Hai días nos que non preciso máis nada para ser feliz.
E a felicidade, para min, ten que durar máis de 12 minutos.
12min book summary library lectura memé cerdeiras microlibro
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.