menu Menú
25 DE XULLO: NON É A FESTA DE TODOS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en julio 24, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
AS VERDADEIRAS INFLUENCIAS DUN ESCRITOR Anterior OS PERIGOS DA DROGA LITERARIA Siguiente

rotura

Hoxe no coche escoitei o anuncio institucional (moi ben feito por certo) da Xunta de Galicia para conmemorar o 25 de Xullo. A idea central que o spot quere transmitir é que Galicia é algo que nos une a todos. De feito, ao final, a grosa voz masculina deixa paso a unha de neno ou  nena que di algo así como «25 de xullo: a Galicia de todos».

A parte de celebrar a intención da mensaxe, o certo é que non hai unha soa Galicia, e que no 25 de xullo non todos a entendemos igual e xa que logo non é motivo de festa para todos. De feito, hai xente que non se recoñece nin sequera nesa Galicia timidamente en galego pola que aposta a actual Xunta, cando menos nese anuncio publicitario.

Este é un país traxicamente dividido. E o peor é que esa división é absurda. Porque non ten lóxica.

Cando mañá gabemos a nosa lingua en discursos e declaracións institucionais, haberá unha parte moi grande e numerosa de galegos/as que non se sentirán identificados con esa mensaxe. E a cousa non deixa de ser curiosa: sería a Galicia de todos e fariamos piña se de coidar da nosa costa se tratase. Calquera castelanfalante entendería que hai que defender a natureza galega, ou a costa galega, ou a industria galega, ou o deporte galego, ou as empresas galegas… Podería seguir poñendo exemplos de cousas galegas que todos, independentemente da lingua na que falamos, sentiriamos que temos que estar unidos para defendelas. E cando se lle preguntase a calquera diría: ¡por que é algo noso!

Daquela semella como que a lingua galega, que é a propia de aquí (o castelán vén de Castela, como o seu propio nome indica, isto non ten moita ciencia), non é algo de todos os galegos. É triste pero para moita xente o galego é cousa dos do Bloque, dos mestres, dos avós da aldea, dos escritores e, como moito, algo residual e cerimonial que hai que empregar por cousas do cargo e porque non hai máis remedio.

Este 25 de xullo non é a festa de todos os galegos. Por moi bonitos que sexan os anuncios institucionais ou aínda que os xornais saquen a cuberta no idioma indíxena.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar