menu Menu
40 anos sen John Lennon
O músico morría abatido por disparos de bala na cidade de Nova York
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Decembro 8, 2020 0 Comentarios 3 min lectura
Berros no Parlamento Anterior IRIDIUM ENTRA NA LISTA IBBY DE OSLO COMO UN DOS MELLORES LIBROS DO MUNDO NO TRATAMENTO DA DISCAPACIDADE Seguinte


 

Aquel 9 de decembro de 1980 chegounos a noticia. Eu tiña 14 anos e foi o meu amigo Fito quen me deu a nova: mataron a John Lennon, seica un tolo lle disparou e está morto. Lémbrome deitado na cama chorando, a escuras, cos ollos pechados e tentando asimilar a noticia. Lembro que meu irmán entrou no meu cuarto e quedou pampo ao verme naquela actitude de recollemento. ” qué pasa, morreu alguén da familia?”. Non. Era algo moito peor.

Corenta anos despois, a data segue enchéndonos de dor aos que vivimos instalados nesta forma de fanatismo laico, e coido que non demasiado insán, relacionado cos Beatles e todo o seu legado, non só o musical. Como sempre dixen, teríame gustado moito nacer nos anos 40 e, por suposto, en Inglaterra, a poder ser, en Liverpool, e postos a escoller, preto do Quarry Bank High School que era o centro onde estudouJohn Lennon e onde fundará o seu primeiro grupo, logo convertido nos Beatles trala incorporación de Paul McCartney e George Harrison. Ser un beatle, en definitiva. Teño unha serie de soños recurrentes, e este é un deles. Que toco con eles. Que vou de xira. Soño en branco e negro, por suposto. E podedes crerme que algunhas cancións que non dou feito coa guitarra (fáltanme dedos ás veces) en directo, con eles, tócoas ben. Tamén marcho moitas noites de xira con Paul McCartney. Hai unhas noites tocamos, e con grande éxito, na carballeira da Guía, en Teis.

Friquismos a parte, en días coma hoxe os fanáticos de Lennon e os seus colegas, ademais da dor, facemos consciente o legado xa non só musical senón vital e político de Lennon. Coas súas sombras, como todo o mundo, coma ti e coma min, o certo é que dedicou os seus esforzos a falar do amor e da paz. O goberno estadounidense pelexou duro para expulsalo porque se comprometeu contra a guerra de Vietnam. Cando existían os Beatles o seu mánager non lles deixaba falar diso. Logo, con Revolution, que é unha canción de Lennon, os Beatles deixaban claro que estaban no mundo para algo máis que cantar. Despois, os 11 anos que pasou en Nova York, a cidade que máis amou, foron dun profundo activismo pacifista. E diso, os que formamos parte da súa familia (unha familia de millóns de persoas no planeta) sentímonos orgullosos.

Hai un ano, tal día coma hoxe, eu estaba en Nova York, fronte da súa casa, con moita xente cantando as súas cancións. Un trouxo unha guitarra. Outro, un acordión. Outro máis, un baixo acústico. Aquel, unha batería. E centos de gorxas entoamos Imagine e outros himnos de amor e vida. Hai un ano dixen: para o ano que vén quero volver. Obviamente, non estou alí. Ou si que estou. De feito, millóns de seres humanos, estamos hoxe alí.

beatles george harrison imagine john lennon nova york paul mccartney


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar