Hai moitos anos que todo se entende dende parámetros económicos. E non, dende logo, no senso marxista do asunto, senón no senso máis liberal da cousa. Todo se xustifica dende o beneficio, os réditos, os valores da Bolsa. Non importan as cualidades. Importan as cantidades. E a realidade toda organízase dende aí. E remata gobernando, por enriba de calquera, o Fondo Monetario Internacional, é dicir, os ricos de toda a vida, os escravistas, os xenocidas.Quizais por iso, nos oitenta, había quen mantiña que non había diferenza entre dirixir unha empresa e dirixir un país. De feito hai quen goberna así. Pero hai diferenzas. Moitas. Como empresario só teño a obriga de gañar cartos dentro dos límites que marca a lei. Como político teño a obriga de tentar mellorar o mundo. Así como soa. E iso implica mellorar as condicións de vida dos que me confían o seu voto, loitar contra da inxustiza, etc.
Ese predominio absoluto da economía, ese ter que valoralo todo dende parámetros monetarios (algo que, a forza de costume, xa entendemos como o natural, cando natural non hai nada), fai que a día de hoxe os que nos gobernan sintan como unha prioridade -de feito, como a única prioridade, caia quen caia- cadrar as contas fronte a algo que sería moito máis importante: que ese cadrar as contas non implicase a caída do estado de benestar. E así, co argumento da crise, traballarán para facernos entender como inevitable a creba da seguridade social (e todos a pagar), do ensino público (e todos a pagar) ou das pensións (e todos a pagar). Dirannos que non hai cartos. Que as cousas agora teñen que ser así. Que non hai máis remedio. Que non hai outra.
E non. Non teñen or pque ser así.
Xógome a melena a que podemos quitarlle a algunha que outra industria (a militar, por exemplo), a algunha que outra ideoloxía reaccionaria (a igrexa, por exemplo), a algunha que outra institución (a monarquía, por exemplo), as partidas que lles destinamos. E sacar cartiños, que por certo son nosos, para as cousas que realmente importan. Quero dicir: que non hai por que sacarlle todo ao que temos seguro para a nosa seguridade. E por se non se me segue: que non hai por que recurtar SÓ da educación, a cultura, a sanidade.
Porque parece, miren como me erguín esta mañá, que están aproveitando a crise para desmantelar o estado de benestar.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.