Igual é un chisco inconvinte escribir isto, e igual máis de un e de unha vai mirarme mal ou deixar de lerme ou proclamará a miña falla de patriotismo ou eu que sei, mais entendo que de cando en vez hai que dicir as cousas cun mínimo de claridade, aínda que non nos guste poñernos a feder a nós mesmos. Sobre todo, porque entendo que hai que vencer o costume, circular e vicioso, de botarlle sempre as culpas de todo aos demais e aos que están fóra.
A culpa de quen é? Dos que votan ao PP.
A culpa de quen é? Da Xunta de Galicia.
A culpa de quen é? Dos que non nos entenden, non.
A culpa de quen é?
A culpa é nosa e só nosa.
Nos últimos anos asistimos ao peche, dramático, de A Nosa Terra, Vieiros, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia y loqueterondarémorena. O doado, o simple, o infantil, o superficial é botarlle as culpas (que algo teñen: podían repartir a publicidade doutra maneira, por exemplo) á Xunta de Feijoo. Así de sinxelo e hala, xa non hai que facer máis análises, xa está todo explicado. Como o presidente é moi malo, pois hala, pechan os xornais. Despois, imos correndo diante do mortiño a facer homenaxes e a asinar manifestos, a laiarnos publicamente e a retroalimentar o noso victimismo e a dicir ai que mágoa diormío con estes do PP imos de cu. Claro. Pero o que está clarísimo é que se A Nosa Terra, Galicia Hoxe e Xornal de Galicia (e o teatro galego, e a literatura galega, e a música galega… etc.) recibisen o apoio económico dos lectores e lectoras, total, era un euro ao día no caso dos periódicos, daquela íanos dar igual unha Xunta galegofóbica, Galicia Bilingüe, o Valedor do Pobo e o carallo 29.
Este nacho que asina e suscribe estas liñas está un chisco farto da dobre moral imperante, circundante e, sobre todo, abafante. Claro que están contra nós. Claro que non van darnos un peso. Claro que nos odian. Pero se nós pasásemos por caixa, se nós léramos libros en galego, pagásemos a entrada no teatro, metéramos publicidade (eran tasas ben pequenas) nos portais da Internet que tiraban da nosa lingua e do noso xeito de ver as cousas… se fixeramos todo iso ninguén había poder con nós.
Pero como non o facemos, asinamos manifestos.
E eles, mentres tanto, a mexar por nós mentres seguimos debatendo por que nos queren tan mal e nos pechan todas as portas…
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.