menu Menu
A lectura como un ben de saúde pública
Así o demostra o último informe da FGEE
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Textos para o debate en Xullo 27, 2020 0 Comentarios 2 min lectura
O eterno retorno Anterior Escoita un fragmento de AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA Seguinte

Ler é bo para a saúde. Unha bondade obxectiva. Un ben absoluto.

Recentemente presentouse o informe ‘El papel del libro y de la lectura durante el periodo de confinamiento pro Covid-19 en España’, elaborado para a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) pola empresa Conecta Research & Consulting. A lectura atenta dese estudo, moi completo, sinala, poñéndolle números, algo que xa sabiamos por mera intuición: que o confinamento puidémolo levar mellor grazas aos libros e á lectura. Ou dito doutro xeito, que todo podería ser moitísimo peor no caso de que a lectura, os libros, a fantasía, a poesía…non estivesen alí, na casa, preto de nós (o 70% dos libros lidos neste período eran libros que xa tiñamos na casa).

Durante esas semanas pechados, incrementouse o número de lectores frecuentes (aqueles que len todas as semanas) ata o 57%, sete puntos máis do que había antes dese período. Así pois, nesas horas difíciles, a lectura foi un aliado crucial que fixo que unha situación complexa e difícil de soportar se levase algo mellor.

Sobre isto, hai datos definitivos, como é o feito de que o 82% dos encuestados recoñecen que ler libros lles axudou a estar mellor, a relaxarse máis, a distraerse, a non agobiarse tanto. O 90% fala de que a lectura lles supuxo “tranquilidade”, e chega ao 93% os que afirman que os libros lles producían “relaxación”. É bastante obvio, pois, que os libros e a lectura funcionaron coma un bálsamo, unha pomada, que axudou a que millóns de persoas soportasen mellor o que sen dúbida foi un dos peores momentos das súas vidas.

Temos, pois, que lembrarlle isto a quen corresponda. Ao igual que é importante investir en equipos médicos e en investigación (iso é máis que prioritario) non se debe descoidar o mundo do libro pois é un ben obxectivo. Demostrouse durante o confinamento con estes datos indiscutibles. Como o demostran todos os estudos que se fan arredor da calidade de vida das cidades onde se relacionan o número de bibliotecas e librerías, precisamente, con que unha cidade sexa habitable, vivible, no fondo, humana.

Que non se esquezan estas cousas. Ou que non teñamos que ir a outro confinamento para acordarnos.

confinamento lectura libros


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar