Pregúntaseme seguido polas estratexias que cómpre desenvolver para que medre de vez o consumo de eBooks entre nós. Sobre que se me ocorre para que o formato dixital despegue. Que hai que facer para que todas e todos entendan que a lectura dixital e a descarga dos libros (ou a lectura contra a Nube, á que lle vexo máis posibilidades) é o que toca agora.
Sempre digo dúas cousas cando tal se me pregunta (e xa van ben de anos).
Por unha banda, remítome aos datos. Porque as matemáticas son teimudas e, polo xeral, infalibles para este tipo de asuntos. E así vemos que, como demostra a Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais do Ministerio de Cultura publicada en setembro, malia medrar o número de “lectores e lectoras dixitais” ata o 17,7 %, o certo é que no pasado ano medrou máis ca nunca as descargas gratuítas de libros en Internet, ou o que é mesmo, que a xente si quere ler en dixital pero non está disposta a pagar para facelo. Isto ten que ver por unha banda coa piratería (disfrazada de “acceso democrático á cultura”) para acceder ás novidades e, por outra, á posibilidade de acceder a cantidades inxentes de material de balde que hai, libre de dereitos, para unha lectura case que infinita durante varias vidas seguidas de libros e libros e libros.
E, por outra, insisto sempre en que o importante non é que a xente lea en dixital ou que o soporte electrónico medre . Que o que nos ten que preocupar é facer lectoras e lectores. Que o que ten que ser prioritario, estratéxico, para calquera Consellería de Cultura ou Ministerio, é que o hábito de ler (en papel, en dixital) medre. Para iso, cómpre mudar moitísimas políticas públicas, en especial as que teñen que ver coa xestión da cultura e da educación. Mais, penso eu, isto non é un dos asuntos que os políticos leven na súa axenda como algo importante. E mentres esta segunda parte non estea clara, a primeira como que tanto nos ten…
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.