menu Menú
A LITERATURA GALEGA É DE SEGUNDA DIVISIÓN
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en marzo 14, 2007 0 Comentarios 3 min lectura
¿E OS LECTORES GALEGOS TAMÉN SON DE SEGUNDA DIVISIÓN? Anterior ¿NON HAI POETAS GALEGOS QUE MUSICAR? Siguiente

Vou escribir unha reflexión polémica. Supoño.
E non son o único. No seu blog tamén o fai hoxe Jaureguizar.
O diario El País infórmanos hoxe do escritor do Barco de Valdeorras, pero escritor en castellano, José María Pérez Álvarez, Chesi. Dinos que Goytisolo o ten por un dos seus escritores preferidos, e que as grandes editoriais españolas ándanlle detrás.
Non o coñezo, pero só podo aledarme por el. De certo que o seu talento literario será inmenso. E o éxito, xa que logo, máis que merecido.
Sen embargo, como Marta Rivera de la Cruz e tantos outros, non pode evitar, na entrevista, dicir que a literatura galega é algo así como de segunda. Non o di pero é como se o dixera. Concretamente sinala que en Galicia é moito máis doado editar.
Por iso digo que, no fondo, desliza ( non sei se é que de verdade o pensa, pero un lector normal dese xornal sen dúbida podería concluílo ) que en galego, practicamente, edítase a todo o mundo, publícase calquera cousa, tanto ten o que traias, se está en galego, veña, para diante, total, é un xogo, total, non importa, o sistema literario galego traga con todo, todo vale con tal de que estea na lingua de Breogán. E non é certo. Para nada é certo. Non se publica porque si porque, hala, como di na entrevista, hai subención. Como se non recibisen axudas á edición as editoras en español. Reciben toda clase de axudas. E paréceme ben. Pero iso non fai que publiquen de todo.
No caso galego igual naqueles anos resistentes dos sesenta si que se editaba calquera cousa que se escribise en galego. Eran outros tempos e publicábase con outras intencións. Pero hoxe non. Hoxe para nada. Hoxe, selecciónase, e rexéitanse orixinais se non acadan un mínimo de calidade. Como editoriais normais nun mundo normal. Oxalá o resto da sociedade fose igual de normal. Evidentemente, non todo o que se publica na nosa lingua é maxistral. Pero tampouco ten por que selo. Tampouco son as cousas marabillosas dunha maneira absoluta en castelán. E é lóxico. Ten que haber de todo. Libros marabillosos, penosos, memorables, perfectamente esquecibles…
As editoriais galegas preocúpanse, e de cada vez con máis forza, da calidade do que editan. Tamén da súa viabilidade editorial, a posible saída no mercado, como é lóxico neste mundo gobernado polo diñeiro. Pero xa non vale todo. E sei de moita xente que leva tentando publicar anos e anos, en Galicia e en galego, e non o conseguen. Como debe ser, por outra banda. Porque así é en todos os sistemas literarios do mundo.
A literatura galega, a día de hoxe, é igual cá todas. Exactamente igual cá todas. Como moi ben ten sinalado Ramón Caride, a lingua non está normalizada, pero a literatura galega si que o está. Tratamos todos os temas, e desde todas as perspetivas. Os escritores galegos non son mellores cá outros. Pero tampouco peores. Haiche de todo. Insisto: como debe ser.
Algún día teremos que sentarnos a debater que é o que leva aos escritores nados en Galicia pero que escriben en castelán a soltar, de cando en vez, este tipo de cousas.
Mentres ese debate non comeza, vou lendo algún libro de Chesi. Estou certo de que me gustará. Literatura de primeira división.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar