menu Menú
A NOITE EN QUE CANTEI CON SUSO VAAMONDE
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en febrero 11, 2010 0 Comentarios 3 min lectura
LATITUDE 20º N LONXITUDE 37º W Anterior MALDITO POCOYÓ Siguiente

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/5SdwuEe9yFI" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Van dez anos xa do pasamento do irrepetible Suso Vaamonde. Unha vez contei, pero de pasada, que nunha das súas derradeiras gravacións, a voz masculina que se escoita é a miña. Hoxe, amplio toda a información que falta.

Era o ano 1989. Dedicábaselle o Día das Letras Galegas a Celso Emilio Ferreiro, e con tal motivo, a Consellería de Educación (mira ti) editou un disco homenaxe ao celanovés no que participaron todos os artistas galegos do momento, dende Brath, pasando por Luar na Lubre, Na lúa, Saraibas, Manuela e Miguel… e así ata un total de 19 grupos ou artistas. Un deles, Suso Vaamonde, quen escolleu a canción O mozo Daniel (que non está no youtube, manda truco, por iso vos poño outra das miñas favoritas).

Para a gravación pediulle a dúas mozas (unha delas, a miña, daquela principiando na música) que lle fixeran os coros. Eu pedín permiso para ir. E foime concedido.

Sabida é a miña vocación de músico. Para min, estar presente durante a gravación dun tema xa era moito. Ademais, se era con Suso Vaamonde, a quen eu tiña mitificado por razóns obvias, xa era para nota.

E chegou aquela noite. Un día entre semana. Un estudo de gravación en Vigo. Sentei nunha esquina, disposto a gozar do espectáculo e molestar o menos posible. Axiña a gravación se converteu nunha cousa linda e divertida. Probas. Ensaios. Erros. E moitas, moitas horas de tabaco (eu daquela fumaba).

Nun dos descansos, non puiden evitalo. Sentei no piano e, sen pedir permiso, comecei a tocar e a cantar, como non, o Let it be dos Beatles. Era o meu xeito de dicir, hei, que eu tamén sei tocar. Isto deu pé para falarmos Suso e eu dos de Liverpool e, xa con máis confianza, na peceira, é dicir, dentro do estudio, coa súa guitarra, tirei con estrépito os primeiros acordes dunha canción de Status Quo. Máis risas.

A cousa acabou comigo facendo os coros da canción, coas dúas mozas.

O certo é que, no disco, a min se me escoita moito máis ca elas.

E sempre, sempre sempre, que volvo escoitar a Suso Vaamonde (houbo algúns días despois daquel, entrevistado por min na radio, cando me querían nese medio, compartindo lecturas, poñendo a parir o mundo, etc.) sempre, digo, lembro aquela noite na que, corista de primeira, cantei con Suso Vaamonde.

Suso. Irrepetible. Grandísimo. Que ben nos virías hoxe.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar