menu Menu
A ollada náufraga 4: Acetona
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Novas, Sermos Galiza en Agosto 31, 2017 0 Comentarios 3 min lectura
Libros e libros e libros e libros Anterior A mirada náufraga 2: O bulbo raquídeo Seguinte

Falaba o outro día cunha amiga máis ou menos da miña idade, de que agora as nenas e os nenos xa non teñen acetona. Eu tiña todo o tempo acetona. Cada pouco, pasaba un día enteiro vomitando, botando literalmente os fígados, sobre todo porque a miña nai insistía en que tomase

infusións que aínda hoxe me fan trousar só co seu cheiro. Un trauma infantil que non teño ningunha intención de superar.

Nunca souben moi ben que era, agás logo no BUP, nunha clase de química cando unha profesora pronunciou a palabra. Debín de coller só a metade da explicación, porque me pareceu que ela asociaba acetona a un produto tipo pegamento.

Non, hoxe as nenas e os nenos xa non teñen acetona. Agora, cando están maliños, é algo vírico. Teño para min que iso é o que lles aprenden aos que se especializan en Pediatría: “pase o que pase, vostedes digan que é vírico, e xa saben, Dalsy e Apiretal”.

Cando eu era neno, mandábannos a coller enfermidades á casa dos outros cativos. Por iso eu odiaba a Ramirito. Podía odialo, por exemplo, porque era louro e, segundo as nenas, moi guapo. Ou porque tiña unha nai francesa, loura tamén, moi exótica e cunha pronunciación que me daba moita alegría. Pero non era por iso polo que me caía tan mal, senón porque el collía as enfermidades antes ca min e mandábame, a miña nai, a da acetona, a que enfermase. “Vai a casa de Ramirito que ten o sarampelo”. E eu ía e collía o sarampelo. “Mira de pasar a xogar con Ramirito que ten papeiras”. E collín as papeiras. E así unhas cantas máis. Que noxo o Ramirito.

Son curiosos os recordos da infancia. Conteilles ese pero teño máis: por exemplo, un dun home pegando no Mercado de Teis, onde me criei, carteis de non recordo que partido político. Lembro unha expresión: Pola revolución. Eu tiña 10 anos así que non entendía moito, pero se me deu por cruzar o Mercado berrando, “revolución!, revolución!” Lembro a meu pai rindo, e a un meu tío dicindo, “este neno vai causarnos un problema”. E lembro un grupo de señores, na Cantina, dicíndome: “si, neno, a revolución facémola en nada, agora que morreu o bicho”. Ese era Franco, pero eu non sabía.

Agora os nenos non teñen acetona, están vacinados e ninguén lles fala de facer a revolución.

(Este artigo publicouse orixinalmente no semaanrio Sermos Galiza do pasado 24 de agosto de 2017)


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar