menu Menú
A TERTULIA LITERARIA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 3, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
NACEU ANOSATERRA DIARIO Anterior MAÑÁ NA ESTRADA Siguiente

Despois da entrega do Premio García Barros o pasado venres na Estrada, algúns dos galardoados de anos anteriores fomos convidados a cear e a facer tertulia arredor do tema da Novela Histórica e as súas relacións coa verdade.
Moderados por Carlos Lema, Director de Edicións de Galaxia, escritores como Víctor Freixanes, Anxos Sumai, Sechu Sende, Manuel Darriba, Xerardo Agrafoxo, Xosé Manuel Eyré, Antón Riveiro Coello, Alfonso Álvarez Cáccamo, Santiago Jaureguizar, Xosé Monteagudo e un servidor ( ¡espero non ter esquecido a ninguén! ) estivemos dándolle á temática ata case que as catro da madrugada arredor da lareira quentiña.
Do que eu dixen, resumiría dicindo que ao novelista non ten por que preocuparlle a verdade do que di, senón a verosemellanza, a lóxica interna do que está escibindo. Dixen que desde que Kafka decidiu romper os límites da realidade ( puxen como exemplo O Proceso, e Xosé Monteagudo corrixiume, con acerto, para dicir que era mellor exemplo A Metamorfose ), xa non ten moito senso preocuparse polos límites ao respecto da verdade á hora de escribir. Como sinalou Antón Riveiro Coello, unha vez que acepto, como lector, a coordenada de que é posible que se esperte Gregor Samsa convertido nun noxento becho, a partir de aí só quero escoitar a historia e que ma conten ben. Noutro instante, falei de Karen Blixen e expliquei o que ela contaba ao respecto das historias que lles contaba á xente de Kenia, contos fabulosos que sempre comezaban en plan «era unha vez un elefante con dúas cabezas e…». Desde o instante en que, abraiados pero felices escoitaban iso ( algo claramente imposible, é dicir, falso ), xa daba igual o asunto da verdade. Agora o que cómpre é facer literatura: ¿falaban igual esas dúas cabezas?, ¿había unha rabuda e outra amable? Eu que sei.
Concluindo, que se nos preocupáramos na literatura de reflectir a realidade tal e como é, non se tería escrito Cien Años de Soledad.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar