menu Menu
A XENTE QUE LE É MOITO MÁIS FELIZ
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Marzo 2, 2012 0 Comentarios 1 min lectura
QUE CORRIDA!!! (POR QUE GALICIA NON É ESPAÑA) Anterior CHAMO A FACER POLÍTICA Seguinte

Non é que o diga eu, é que o din os da Universidade de Maryland, e, daquela, a cousa ten como que moita máis validez. Concretamente, é un estudo feito por sociólogos desa institución educativa e que analizou datos dos últimos trinta anos chegando a conclusión de que a xente que é capaz de verbalizar que é feliz, entre os seus hábitos principais está o da lectura, mentres que os que se definen como infelices, unha das cousas que máis fan é ver a tele.

Agora quedaría por investigar se non será, neste caso da infelicidade, xusto do revés: que por ver tanta tele vólvense infelices…

Unha das conclusións máis interesantes dese estudo é que a lectura, fronte da tele que dá unha satisfacción inmediata (?), outorga unha satisfacción a máis longo prazo e, xa que logo, moito máis duradeira.

Os que somos lectores de toda a vida encántanos ler ese tipo de informes, porque non entendemos moi ben como é posible que a tanta xente non lles guste facer o que nós facemos con tanta devoción. E por máis que nos esforzamos en facerlles ver que a lectura é un hábito dos mellores que poden adquirir os nosos fillos, e que co que se gastan nun xogo para a consola mercaban dez libros sen problemas, decote sentímonos frustrados ao ver que tan profundos e insistentes argumentos non se teñen en conta.

Agora, xa é unha cousa científica.

E ademais, eu xa expliquei hai tempo, que os que lemos libros somos moito máis guapos e guapas.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar