Enceto estas liñas logo de chegar de Braga. Fun na compaña da poeta, e amiga, Rosalía Fernández Rial, convidados ambos os dous a partillar asuntos relacionados con edición e poesía no IV Encontro Minho-Galiza neste maio das Letras. Alí falamos autor@s galegos e portugueses, nas dúas variantes da nosa mesma lingua. Entendémonos e vimos necesario acrecentar as relacións entre o noso país e, sobre todo, o norte de Portugal. Como alí expresei, que a Xunta de Galicia non teña como un sector estratéxico prioritario Portugal, non é doado de entender. Non facelo é un erro. Temos que deixar de vivir de costas. E non falo, só, da cultura. Tamén na economía e noutros moitos asuntos que nos interesan ás dúas partes do Miño.
E escribo este artigo trala miña viaxe portuguesa logo da amable petición realizada hai uns días por Eduardo Maragoto, Presidente de AGAL para que me pronuncie sobre a petición de darlle estatuto legal ao Binormativismo, é dicir, á existencia de dúas normas en pé de igualdade xurídica da lingua galega. Espero que as miñas verbas contribúan a acrecentar un debate sempre vivo e que cómpre ter polo ben de todos nós e sobre todo, pola supervivencia, sempre ameazada, da lingua galega.
Pídeseme, como veño de anunciar, que opine sobre a petición que fai AGAL (Associaçom Galega da Lingua) de que se lle dea estatuto legal ao Binormativismo, ou sexa, á existencia de dous modelos gráficos para representar a nosa fala. Polo que puiden entender hai uns meses cando participei no Curso de Verán da USC, “Galego, porta aberta para o mundo” e no que se tratou amplamente sobre todos estes asuntos, e segundo se me explicou durante o coloquio logo da miña intervención, entre outras cousas trataríase de permitir que, no ensino (así o expresou un dos profesores alí presentes cando tomou a palabra) cada docente puidese escoller, para apenderlles á cativada, a norma que quixese empregar. Logo falarei sobre isto. Só refiro aquí este exemplo para que se entenda que estamos a falar non só dunha cuestión filolóxica senón que estamos diante dun asunto de primeira orde, no que nos xogamos moito como colectivo e no que as frivolidades deben de ser as mínimas, un asunto moi serio que vai máis aló dunha cuestión meramente filolóxica.
A proposta sobre Binormativismo podédela coñecer en detalle na web de AGAL e nos moitos materiais, tamén videográficos, que se aloxan alí. A mesma está orientada, tamén, á facilitación da nosa lingua en contextos internacionais, entendo, no dos países irmáns da lusofonía.
Sobre a primeira cuestión (que no ensino cada docente poida escoller a norma que lle pareza máis axeitada) xa me pronunciei nese foro e repito aquí agora. Fáiseme difícil defender que, poño por caso, en primeiro de primaria (6 anos) se lles aprenda a ler e escribir cunha norma e, ao ano seguinte, noutra distinta. Ou que os alumnos e alumnas dunha sección o fagan nunha norma e os da outra aula, noutra. Así llo dixen cando retruquei ao profesor que tal defendía. Segundo el mesmo recoñeceu diante destas miñas (coido que de sentido común) obxeccións, o asunto é complicado e merecería darlle un par de voltas.
Eu creo que moitas voltas, a isto, non hai que lle dar.
No ensino a norma ten que ser unha. Aprenderlles dúas normas, como alguén tamén propón, ao tempo, sen dúbida causa máis mal que ben á causa da lingua galega, como logo comentarei. E dende un punto de vista pedagóxico, teño máis que reservas.
Sobre a segunda cuestión (para facilitar a nosa conexión coa lusofonía) pois temos o portugués para comunicarnos. Ou o galego tal e como está.
Concordo ao mil por cento co amigo Eduardo, como me expresa no amable mail que me enviou para que opinase, en que é necesario falarmos disto. En democracia todo pode ser debatido. De feito, todo debe ser debatido. E dado que este é un debate no que levamos ensarillados décadas, resulta necesario que o fagamos dende a racionalidade e aténdonos, na medida do posible, aos datos (ao que as cousas son, non ao que as cousas nos gustaría que fosen), para vermos de tirar conclusións que nos valgan a todas e a todos e nos permitan camiñar na mesma (e necesaria) dirección.
E concordo así mesmo na súa opinión de que o galego, hoxe, está “em crise de transmissom geracional”. Incluso coido que a verba “crise” expresa ben pouco o que eu máis ben cualificaría como “traxedia”. En efecto, todos os estudos minimamente solventes levados a cabo por entidades de todo tipo sobre a situación do galego hoxe, insisten en destacar esa traxedia. O Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, teñen insistindo nesa tendencia desoladora que nos indica que o galego non pasa de pais/nais ás súas crianzas. Incluso o rural, onde o galego se transmitía automaticamente sen a presenza da escola polo medio, empeza a desgaleguizarse.
Os que andamos polos colexios e institutos do país onde se len os nosos libros e acodimos aos seus Clubes de Lectura, constatamos isto día a día. Son moitísimos os alumnos e alumnas que cando plantean as preguntas que nos fan aos autores nesas situacións, as fan en castelán. Por suposto, tamén, no patio de xogos, usan o castelán. Na vida, usan o castelán, Non todas e todos. Pero si a gran maioría.
No fondo, en Galicia, o galego está a estudarse nos centros de ensino como unha lingua estranxeira.
Nas cidades, como sabemos, a cuestión é aínda máis delicada, por dicilo suavemente, e os que, por exemplo coma min, vivimos no centro de Vigo, descobrimos con estrépito que somos case que os únicos galegofalantes do barrio os catro da miña casa. O meu fillo e a miña filla son galegofalantes. Pero pasáronas canutas ao chegar ao cole. Pasaron por un momento de confusión, pois todo se dicía diferente. Agora, xa grandiños, usan ambas as linguas (e o inglés) con naturalidade. Pero foi un proceso difícil que os converteu, como a grande Rosalía de Castro explicou, en “estranxeiros na súa patria”.
Que o galego está a perderse non ten discusión. Que ás autoridades políticas que nos gobernan iso non lles quita o sono, tamén o é.
Mais, o que non teño tan claro, é que a solución pase polo binormativismo, por termos dúas normas oficiais igualmente válidas. Refírome a que iso poida ser unha solución. Creo, que neste asunto, ás veces pécase dun certo, e enténdaseme ben, infantilismo. Non digo, dende logo que non, que a proposta me pareza infantil. Digo que, en liñas xerais, cando esta cuestión se comenta (que perdemos falantes) sempre hai quen di que esa é a demostración de que a normativa oficial é a culpable (así o teño escoitado; dixo literalmente iso unha compañeira de palestra no pasado curso de verán no que nos ocupamos destes asuntos). A iso me refiro con infantilismo. Como lle contestei, se iso fose tan doado, pois eu quero as dúas normas xa, nin sequera iso, quero unha soa, quero que o portugués sexa a norma (portugués, por certo, que tamén ten as súas liortas normativas. No Brasil -onde máis se fala a lingua- rebeláronse contra da norma).
Alguen cre, en serio, con datos -insisto, co que as cousas son e non como a min me gustaría que fosen– que dicíndolle ás galegas e aos galegos que a partir de agora poderán usar unha ou outra norma, xa todo o mundo se vai botar a falar galego?, en serio?
Reivindico un debate serio.
E ese tipo de simplificacións non son serias.
Son infantís.
Válidas para a cafetaría da facultade diante dos colegas.
Pero non son serias.
Creo sinceramente, que nun contexto como o que estamos, onde, traxicamente, moitísimas galegas e os galegos non sinten o galego como seu, introducir unha segunda norma como “tan válida coma a outra”, que empecen a ver papeis oficiais escritos “noutro galego”, que un ano na escola se lles diga dun xeito e ao seguinte doutro, que a televisión ás veces rotule -e fale- dunha maneira, outras veces doutra, que nun xornal atopemos artigos en ambas as normas, que a administración conteste aos requerimentos da cidadanía da mesma maneira, etc, só serviría para que inimigos da nosa fala, que son milleiros (e, non o esquezades, case que todos os inimigos que ten o galego non son de fóra, non son de VOX de Murcia, son galegas e galegos… insisto, falemos en serio e con datos), serviría, dicía, para que tivesen máis elementos aínda para nos atacar, refugar e directamente, aniquilar. Porque a realidade é esa e negala (porque non nos gusta) é manternos nun plano infantil. Pero insisto: é así. A unha enorme cantidade de galegas e de galegos non lles preocupa, quita o sono ou desagrada a idea de que o galego esmoreza e desapareza. É así. E están, moitos deles, esperando a ter máis motivos para ir contra a lingua propia que, por certo, sinten como allea.
Eu non son partidario de darlles motivos.
Creo, e así o levo expresado en todo canto foro me preguntan, que no seu día, cando os señores académicos (daquela non había señoras, hoxe, case que tampouco) e outras autoridades lingüísticas fixeron a súa proposta normativa, perdeuse unha ocasión histórica ao non pegar a grafía ao portugués. É obvio por que o digo e non teño nin que explicalo. Foi un erro. Terrible. Un desastre. Pero é o que foi. Foi así. E creo que non ten volta de folla. Eu tería preferido outra cousa. Moitos pensamos así. Pero hoxe, a estas alturas e coa, en efecto, crise tráxica que temos, írmonos a dúas normativas (nin sequera cambiar unha por outra, dúas!) só servirá para darlle carta de defunción para sempre á nosa lingua agónica.
Como moi ben di o presidente de AGAL cando me escribe pedíndome esta opinión que neste artigo expreso, “existe certo desânimo e desorientaçom em relaçom a como pode ser fomentado o seu uso”. De novo concordo con el. Pero a solución proposta -o Binormativismo- creo que desanimará máis aínda e, dende logo, desorientará a moitísima xente.
Eu non podo apoiar, polo xa citado e polo que direi máis adiante, esa proposta de Binormativismo. Creo, como dixo hai ben pouco o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes (entrevista en Sermos Galiza o 17 de marzo de 2019) que
“se queres unha proxección internacional, usa o portugués. Todos podemos estar xuntos nesa viaxe sen a necesidade de perder no camiño a nosa identidade. Dúas ortografías danzando? Os países serios teñen unha soa ortografía. Podemos discutila, modificala… mais hai só unha ortografía.
Ter varias ortografías non me parece unha fórmula, mais aposto por estreitar o coñecemento do portugués e do brasileiro e traballar con esa filosofía, dicirlles ás nenas e aos nenos que grazas ao galego poden entrar nese mundo. Isto resólvese convertendo o galego nunha riqueza, desdramatizando as situacións e fortalecendo as comunicacións multilaterais. Empregar varias ortografías debilitaríanos e confundiría a xente. Hai que ter en conta que unha lingua son os falantes e é moi importante que os falantes se recoñezan nela”.
Suscribo ao cento por cento as súas palabras. Eu non teño problema, non o tiven hai unhas semanas en Braga, para enviar as miñas palabras en galego normativo cando me pediron que explicase de que ía falar na miña conferencia. E unha vez alí, falei portugués cos profesores e profesoras antes dos actos, no xantar e nos descansos, mais dei a miña palestra en galego, E non houbo problema ningún e creo que a expresión de riqueza que isto significa, é, tamén, indiscutible. Por outra banda, e como ben di o presidente da RAG, os países adoitan ter unha única norma (sei o caso de Luxemburgo e Noruega, con dúas, pero iso, son dous países entre o resto). E, como ben di, podemos discutir sobre ela, modificala. Como dixen ao principio. Podemos debater do que sexa. Debemos debater do que sexa. Pero non tomar decisións que, claramente, van ser nocivas para a causa que a todos e a todos nos preocupa.
E algo moi importante que di Freixanes na entrevista: os falantes deben recoñecerse na lingua que falan.
Na lingua de verdade.
Esa lingua, creo, é a que a xente fala. A que foi facendo ao longo dos séculos.
E veredes, non coñezo absolutamente unha soa persoa, nin unha soa (fóra dunha parte moi concreta do mundo académico) que diga Segunda Feira ou Terza Feira (e non quixera que quedásemos coa anécdota. Pero coido que é reveladora).
Xa para rematar direi dúas cousas que considero importantes.
Por unha banda, é absolutamente imprescindible que en todas as escolas de Galicia, públicas e privadas, se estude portugués. Non vou perder moito tempo en explicar por que é necesario, beneficioso e de sentido común que o saibamos falar e ler e escribir con corrección a lingua portuguesa.
E finalmente repito algo que xa dixen o verán pasado no curso da USC e que causou certa estrañeza entre o público asistente: este debate non é de todo real. Quero dicir, todos vivimos nunha burbulla creada polas nosas actividades, relacións persoais, profesionais, etc. E tendemos a pensar que a nosa realidade é A Realidade. Mais non o é. Só é unha realidade. Eu vivo en galego, traballo en galego, relaciónome no básico con xente que fala galego e quizais nalgún momento podo chegar a pensar que iso é O Mundo. Mais resulta que non. Que non é así. De feito, o meu mundo de xente galegofalante que diserta sobre cultura e País e Matria e etcéteras e escandalosamente minoritario.
Que quero dicir con isto? Pois que o debate sobre se ñ ou nh, para dicilo graficamente, fóra das aulas da universidade, fóra de certos contextos sociais e culturais moi determinados, non lle interesa a ninguén. Por iso digo que ten un punto de falsidade. Por suposto que é importante, pero non tanto como para pensar que o desleixo, o rexeitamento, o odio, etc, que a meirande (podo dicilo así, son máis da metade dos galegos e galegas os que non o usan) parte da xente do noso país ten polo galego, que sinte iso por culpa da normativa oficial.
A realidade é esa. A min non me gusta. Pero é a que é. E cando AGAL di na súa explicación da proposta, que o Binormativismo “seria umha forma original de resolver un conflito” eu, o que teño que dicir sobre isto, é que ese conflito non existe. Si na universidade, en determinados departamentos de Filoloxía. Si en determinadas publicacións moi específicas. Pero non na sociedade. Aí non hai conflito de ningunha clase.
De feito, a meirande parte da sociedade galega que lese isto non sabería nin de que estamos falando.
Eu quero saber, coa realidade que teño, que podo facer para que as cousas melloren, non para que empeoren.
E o Binormativismo sería, non teño dúbida de ningunha clase, unha boa maneira…de empeoralo para sempre todo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.