Hai uns días botámonos as mans á cabeza cando soubemos que o concello de Vigo montara na Praza de Compostela unha pantalla xigante para seguir os partidos da selección española (como se a xente non tivese tele na casa; como lles gusta aos políticos os baños de multitudes… por certo, dende hai anos o concello de Vigo prohibe sacar os libros á rúa para o Día do Libro coa escusa de que pode haber problemas de seguridade… ). E cando falo de botar as mans á cabeza non é polo feito de que o meu concello gaste cartiños -eses que non hai- nesta festa absurda (insisto: todo o mundo ten tele na casa, outra cousa sería que deran os partidos de pago, por exemplo), senón polo feito de que nese mesmo escenario é onde se celebra a Feira do Libro. Ese detalle sábese dende hai un ano, porque sempre é aí. Que España estivera en semifinais é algo que pasou agora.
O feito levou a que os compañeiros de Xerais tivesen que eliminar algúns dos seus actos da axenda da feira (actos xa programados, actos importantes como son as presentacións de libros), aínda que hoxe, menos mal, lemos que o concello de Vigo levou a pantalla xigante ao parque de Castrelos e, xa que logo, eses actos poderán facerse sen ter que aturar a milleiros de persoas pegando berros ou chamándolle quen sabe que cousa á nai do árbitro. Ou o que é o mesmo: imaxinen ao pobre escritor ou escritora que lle toque á mesma hora falar do seu libro, pegando berros para facerse oír ou, peor, que alguén se lle achegue e lle diga que por favor fale máis baixiño que non deixa oír ao locutor do partido.
Iso si: o alcalde deixa moi claro que a decisión nada ten que ver co asunto da Feira do Libro. Pois que maneira de desaproveitar unha ocasión para quedar ben. Podería dicir que era consciente do seu erro e que a cultura é tan importante, e como non se riñe co fútbol, pois que daquela a pantalla vai para outro sitio onde non moleste.
No partido de cuartos de final, a prensa amosounos ao alcalde en primeira fila, diante da pantalla xigante, seguindo o encontro «como un seareiro máis», apoiando á selección. Espero, sinceramente, que este xoves estea tamén en primeira fila, apoiando a cultura.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.