Algo debemos de estar facendo mal. Rematadamente mal. Os que nos movemos na lingua, na cultura, na defensa do noso e todo iso. Porque non damos saído do guetto. Non damos chegado á gran maioría da xente. Moitos galegos e galegas siguen véndonos como extraterrestres medio fóra do mundo.
Nos últimos tempos fálase, e moito, de que as redes sociais (facebook, twitter, os blogs, etc…) romperon o monopolio unidireccional do fluxo da información, de xeito que a cidadanía (e é certo) ten tomado o protagonismo. Claro que si. Gobernos que censuran novas o ideas ou proxectos non poden evitar que os disidentes protesten e se organicen dende a rede , que vén sendo asío unha ventá aberta pola que fuxir e chegar a moitas persoas para conciencialas.
Certo e indiscutible. Eu mesmo teño defendido con paixón isto moitas veces. E seguirei facéndoo porque o creo firmemente. E por iso fago o que fago.
Sen embargo, no que ao galego e a lingua e a literatura e a música galega e todo o galego en xeral, para non poñerme exhaustivo e resumir moito, se refire, algo debemos de estar facendo rematadamente mal. Porque a miña sensación é que todo isto remata sendo moi endogámico. Quero dicir que os que nos lemos, nos comentamos, nos facemos amigos no facebook, os que nos escandalizamos diante de determinados disparates, os que asinamos determinados manifestos, etc, somos un grupo máis ou menos pechado que nunca, ou case que nunca, é quen de traer xente de fóra para o noso rego. Sei positivamente que o 95 por cento dos blogs que visito, que o 95 por cento da xente que sego no facebook ou no twitter, sei, digo, que vou estar case que seguro de acordo con eles.
Do que se trata é de que esa señora que non fala galego, que, de feito, lle importa un pemento o asunto, entenda que os galeguistas non somos o demo. Do que se trata é de que ese pensionista que leva toda a vida votando aos que gobernan (e sempre viu gobernar aos mesmos aínda que co traxe mudado), entenda que se pode defender o propio e ademais ser un tipo con intelixencia. E iso ou non o conseguimos ou non nos sae ou nos costa un mundo.
Mentres non consigamos atraer para a nosa causa de país a quen nin sequera o plantea dentro da súa cabeza, non vai servir practicamente nada do que fagamos, de nada.
E ollo: este non é un post pesimista. Todo o contrario. Pretende sinalar o que estamos a facer mal dende o convencemento de que nesta loita hai que seguir teimando. Pero hai que ver como chegarlle, tamén, ao resto, aos que non son coma nós, ou sexa, aos que non están xa convencidos antes de comezar o debate.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.