menu Menu
Un feixe de preguntas para a Xunta diante das cifras da edición en Galicia
Algúns comentarios sobre a Estatística da Produción Editorial de Libros correspondente ao ano 2017
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Decembro 24, 2018 0 Comentarios 3 min lectura
Crónica de Nova York Anterior TOTA LA CULPA ÉS DE YOKO ONO Seguinte

Acabamos de coñecer o informe do Instituto Nacional de Estatística arredor da produción de libros nas catro linguas do Estado. O panorama que nos deixa, é desolador pois ano a ano verifícase que a edición en lingua galega cada vez é máis cativa, baixando aos niveis do ano 1999, é dicir, a como estabamos hai 20 anos. Concretamente, en 2017 a mingua foi dun 5’9%. Facendo comparativa por linguas o ritmo de edición en catalán baixou un 32% en dez anos, e o éuscaro un 36%, pero o galego caeu un 53 %. Sen embargo, sobe a edición de libros en catalán e en éuscaro. Pero baixa, e con estrépito, en galego.

Son datos moi preocupantes que deberían quitarlle o sono a máis de un responsable da política cultural deste país. Mais témome que non. Que durmirán coma benditiños. E non deberían, porque o sector do libro ocupa unha parte máis que crucial dentro diso que poderiamos chamar “a cultura galega” e unha Consellería de Cultura ten que ter presente ese sector si ou si. A non ser que estea a outras cousas (sen ánimo de facer polémicas, a min que agora se chame Consellería de Cultura E TURISMO non me agrada moito, a verdade).

Vistos estes datos, unhas cantas preguntas:

-entende a Xunta de Galicia a gravidade da situación?, e se a entende, ten pensado algo? Porque cando un sector pasa por dificultades (un sector estratéxico, e entendemos que a cultura en galego o é) esperamos dos nosos administradores algunha clase de reacción. Non se piden cartos, para nada, pero si algunha clase de movemento.

-decátase o goberno deste país da traxedia que supón que a industria editorial galega, que existe, que é, se manexe nestes números? ou só é preocupante se outros sectores minguan? (líbrenme os ceos de dicir que o noso é máis importante que o téxtil ou o viño, pero algo importantiño si que é).

-comprende a administración galega que os libros en galego e a lectura en galego son importantes para o país? ou senón, que é importante? Ninguén nega que o é que veñan moitísimos turistas, pero que haxa libros en galego e lectura en galego, tamén o é. Incluso digo máis: que haxa lectoras e lectores. Na lingua que sexa.

-cre a Xunta de Galicia que pode seguir reducindo, como o fai, os orzamentos para cultura como está facendo dende hai tanto tempo? Ata onde pensan baixar?

-por que non hai un Plan de Lectura ambicioso para desenvolver durante os anos vindeiros (poñer anuncios na prensa do Día do Libro ou o 25 de xullo é propaganda) dados os baixos índices de lectura que temos en Galicia?, por que temos a sensación de que sobre isto  non se fai nada en absoluto?

-por que a Lei do Libro segue sen desenvolverse malia estar aprobado dende hai tantos anos? hai algunha razón que se me escape?

Esperamos respostas.

E mentres non chegan, seguiremos facendo os mellores libros do mundo, os máis bonitos, os máis coidados. Para quen DE VERDADE sustenta a cultura deste país: as lectoras e os lectores, os que van ao teatro, os que acoden aos concertos. Menos mal que están aí, que outros, seica, non están.

galego lectura libros xunta de galicia


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar