menu Menu
AMOR, DESAMOR. A VIDA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 28, 2010 0 Comentarios 1 min lectura
¿PODO SACAR PEITO? Anterior LOIS PEREIRO Seguinte

Esta mañá, camiño do traballo, ao pasar ao carón da porta dun hotel, estaban unha morea de rapazas e rapaces adolescentes con tres adultos que tiñan toda a pinta de ser os seus profesores. Eles consultaban un plano da cidade no que sen dúbida era unha excursión de fin de curso. Avancei entre elas e eles e a vida manifestóuseme en directo.

Unha rapaza, chea de aneis a face, pelo rosa, choraba sentada mentres tres ou catro das súas amigas tentaban consolala. Seguín camiñando. Cinco ou seis metros máis para aló, un rapaz fendía a cabeza entre os xeonllos, rodeado de dous camaradas, que non lle falaban, limitábanse a estar. Velaí a vida: estes dous discutiron. O amor adolescente en toda a súa pureza, en toda a súa carraxe, en toda a súa  marabilla. Cando xa estaba a piques de saír, eu, do grupo, escoitei que alguén daba voces. Era a rapaza, que se levantara e, coa faciana totalmente vermella, coas bagullas gordas a caerlle polas fazulas, se lle achegaba berrando ao tempo que sacaba unha pulseira para tirarlla sobre a cabeza:

– Toma. No la quiero.

O rapaz ergueu a cabeza. Fitáronse os dous. Despois ela deu a volta e eu seguín o meu camiño.

A media mañá saín tomar un café. O grupo enteiro baixaba pola mesma beirarúa. Diante de todos, coma unha bandeira festiva ían aqueles dous.

Agarrados polos dedos meiniños. Cunha cara de namorados que tiraba para atrás.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar