menu Menu
APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 2
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 22, 2011 0 Comentarios 3 min lectura
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 14 (Un bo augurio) Anterior APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 1 Seguinte

Nas distintas lecturas que no que vai de ano estamos vendo arredor da obra de Lois Pereiro, acho unha moi frecuente actitude reducionista, simplificadora, incluso superficial, que se expresaría, moi resumidamente, en convertir a súa poética, por mor da súa circunstancia vital, nun exercicio de decadentismo, ou derrotismo, ou nihilismo ou miserabilismo, ou calquera outro ismo que emparenta ao de Monforte, así, sen máis, automaticamente cun Bukowski ou o punk máis espontáneo e ilóxico (que están na súa obra, claro, pero non só). Así, o seu traballo poético sería unha versión, en galego, desa postmodernidade da fin da historia que o anega todo, en determinados ámbitos creativos, dende mediados dos oitenta do século pasado. Uns versos que saíron así porque non había -para el- futuro posible, porque a decadencia era sempre presente, e porque a derrota era unha evidencia.

Eu, nos versos de Pereiro sempre atopei todo o contrario, a saber, vida, pulsión a esgalla, o conatus spinozista desborbado e posto de manifesto cunha claridade abraiante. Tal debe ser a función, entendo, do dicir poético (senón, a conta de que, para que, con que motivo escribir poesía): amosar a existencia tal e como é dende os ollos persoais inimitables irreproducibles concretísimos de quen escribe e fai eses versos, de amor, de enfermidade ou do que sexa. E Pereiro, cando menos na miña lectura, é xustamente todo o contrario de todos os ismos no parágrafo anterior expresados. Para min Pereiro é un profundo vitalista que ama a vida non porque se lle va, senón porque está borracho da enerxía da vida, anegado ata o derradeiro capilar do sentir último pola vida, consciente do irrepetible, do inabarcable, pola súa marabilla, da vida. Así que levo mal esa caricatura, extendidísima, incluso entre xentes de letras de nós, que converten a súa obra nunha manifestación de, digamos, unha especie de derrota asumida que, impúdica, se manifesta sen máis esperanza que poñerse fóra e dicirse. Insisto en que eu vexo todo o contrario: vexo aceptación (non no senso de resignación) do que a vida é. Tal e como Nietzsche nola amosou: chea de felicidade pero tamén de dor, chea de danzas pero tamén de dó. A vida é todo iso e é patrimonio (e obriga) do poeta ser quen de atopar a excelsa expresión que a magnifique, que a exprese como é (para Nietzsche quizais só a música pode facer isto). Alejandra Pizarnik escribe un 18 de outubro, xoves, de 1962, nos seus Diarios: ¿Cómo animar el dolor, cómo transmitirlo de manera viva? En parte o traballo de Pereiro vai ser ese: expresar a dor , a morte, a enfermidade, pero como unha realidade que en si mesma xa é transcendente; non é que se necesiten as palabras para que sexa algo transcendente. É que está na esencia mesma da dor, do no future, do colpaso, a maneira, unha delas, nas que a existencia, a pulsión biolóxica, o pensamento dos átomos, se nos manifesta. É a vida. Inmensa e inacabable como un futuro que non chega nin a ser intuído.

Reducir a obra de Lois Pereiro a unha metafísica de suburbio é quedar no lado simple da hermenéutica. É ler de calquera xeito. É ler cómodo. É ler profesoral.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar