menu Menú
APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 3
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en abril 24, 2011 0 Comentarios 3 min lectura
APUNTAMENTOS ARREDOR DE LOIS PEREIRO 4 Anterior HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 14 (Un bo augurio) Siguiente

Lemos en practicamente todos os libros e estudos que se publican este ano sobre Lois Pereiro que a súa poesía non era para nada coincidente coa que se estaba a facer na súa época. Eu penso que  moi probablemente, porque el non era profesor de galego e, xa que logo, que dalgunha maneira ía por libre. De feito, el laiábase e sinalaba como unha eiva do noso sistema literario o feito de que houbese tanto profe de galego que ademais era escritor. Que a literatura galega era moi profesoral. Por fortuna, esta situación está a superarse.

Quizais o que vou escribir agora non é moi politicamente correcto mais, en calquera caso, velaí vai. A fin de contas, estes son apuntamentos a partir de Pereiro. Os meus apuntamentos.

Nos anos nos que Lois Pereiro constrúe a súa obra (as décadas dos 80 e 90) faise unha poesía que ten sido cualificada de moitas formas. Dende » a idade de ouro da lírica galega», á insistencia, como se iso fose un mérito, de que se poetizaba dende unha consciente actitude culturalista que, moi probablemente (é a miña opinión de lector e, xa que logo, perfectamente discutible) levou a un hermetismo hermenéutico ou, para dicilo máis simple, levou a unha dificultade de comprensión, para min terrorífica, por parte de case que todo o mundo. Así foron, ou fomos, moitos, os que tiñamos a sensación de estar diante do excelso aínda que con dificultades á hora de explicar (ou de atopar) esa excelencia. Nalgún punto comezamos a ter a sensación de que as claves que manexaban aqueles poetas só as entendían eles ou, a iso vou, os profes (moitos deles poetas tamén) que pertencían a aquelas correntes líricas.

A poesía de Lois Pereiro fuxiu sempre, a pesar do seu esforzo consciente por matizar e axustar o concepto, de toda forma de conceptualismo. Os seus versos provocan, case que sempre, un furado emocional, un lategazo no medio do esterno, alí onde vive o músculo que eu quero que me exciten coa poesía. É unha poesía para todos. Para o futuro tanto como para o seu presente. A pesar de estar cheíña de metaliteratura, de moita música, de referencias cinéfilas certamente exclusivas e para nada populares, hai nos seus versos a calidade e, sobre todo, a claridade suficiente, para ser referencia para quen se achegue aos seus poemas. Claridade no senso no que Heidegger o expresou: o claro no medio do bosque. O brillo supremo do lóstrego, que dura un segundo. Pero que permite ver, como dixera Mark Twain.

E así se entende que moito antes de eu o descobrir, amigos e amigas, lectores voraces de poesía, falábanme del. Era un acontecemento. Liches a Pereiro?, coñeces estes poemas? Non eran xentes diso que poderiamos chamar circuito da cultura galega, ou xente da cultura galega. Eran lectoras e lectoras aos que os versos lles chegaran, no fundamental, recomendados por outros e outras. Non, dende logo, dende a academia ou a crítica ou a Voz Autorizada.

Pereiro chegáballes porque a palabra era clara, no senso en que ten que ser a palabra cando se expresa literariamente.

Para entendelo só hai que ter ollos para saber ler. Non é preciso ir canda el cun Manual de Epistemoloxía Crítica enriba.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar