Hai sesenta anos finou o filósofo que máis lin na miña vida (ao meu favor que só escribiu dous libros, un deles de apuntamentos e o primeiro, moi breve). Refírome a Ludwig Wittgenstein, moi concretamente ao seu Tractatus logico-philosphicus que leva acompañándome durante toda a vida. Poucos libros coma este para reflexionar sobre a linguaxe e as súas lindes, sobre o que é a linguaxe humana e o que son as verbas, a relación entre elas e a realidade e, xa que logo, poucas reflexións máis poderosas arredor d0 que se pode dicir ou non se pode dicir, do que se pode expresar a través das palabras (a ciencia) e o que só se pode amosar (a estética, a ética, as cuestións realmente humanas) e dunha maneira difícil e pouco certeira pois non entra dentro do ámbito do que é susceptible de ser recollido dentro de conceptos.
Wittgensetein entendeu, despois de publicar ese texto que racharía en dúas partes a historia da filosofía do século XX, que as cousas realmente importantes eran aquelas para as que a linguaxe humana non tiña recursos. E así, se no Tractatus pedía silencio como única opción, entendeu despois que era o tempo da poesía, da arte, da emoción.
Consecuente co descobrimento marchou a unha aldea remota, abandonou a universidade e todo contacto académico para pasar os seus días aprendéndolles a ler aos cativiños. Cando finou, deixounos os seus apuntamentos e unha frase de despedida: dicídelle a todos que fun moi feliz.
O outro día, na Cea das Letras da AELG, Manuel Rivas sinalaba que “Lois foi capaz de ver alí onde non se pode ver”. Cando dixo tal, eu lembreime no momento de Wittgenstein. Porque Lois Pereiro foi quen de poñer as palabras nese lugar onde as palabras non chegan, para alumear o que decote é escuro, para poñernos diante dos ollos poéticos aquilo para o que só a poesía ten os ollos.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.