menu Menú
Aquel ataque de loucura de Rajoy (conto fantástico)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en junio 18, 2012 0 Comentarios 4 min lectura
O problema é que non temos poder Anterior GOBERNOS, LINGUAS, REALIDADE, ENGANO Siguiente

O presidente abriu os ollos e decatouse de que se sentía moi relaxado. Durmira moi ben, algo que non conseguía dende había décadas. Así que se ergueu e colleu o teléfono da mesiña de noite e pediu o almorzo. «Nada de fibra», declarou enérxico, «hoxe quero unhas madalenas, para empezar a xornada con dóce na boca. Ah, e por certo, bos días». O presidente non puido saber a cara de estrañeza que se lle quedou á gobernanta do palacio despois daquel bos días inagardado. O presidente daba ordes, non os bos días. «Seguro que durmiu ben», comentou a axudante da gobernanta. «Non sei, non sei», dixo esta, «a min sooume moi raro».

O presidente almorzou e soubolle todo moi rico. Incluso repetiu outra cunca de café. Deuse unha ducha e non se afeitou porque, a fin de contas, levaba barba dende sempre, para disimular aquela cicatriz consecuencia dun cativo accidente de coche. Fronte da ventá, sentindo a calor temperá do sol de Madrid, decatouse de que toda aquela xente esperaba moito del e que a historia o chamaba, precisamente, a facer historia. Así que decidiu que mandaba a paseo a prima de risco, a lectura do resumo dos xornais que xa lle prepararan e que o que ía facer era o que de verdade lle apetecía: pasear polo xardín. Colleu de novo o teléfono e chamou ao seu xefe de gabinete. En cinco minutos estaba alí. «Imos pasear», dixo o presidente. O xefe de gabinete limitouse a pensar que iso non era o habitual, pero que o xefe é o xefe, e se hai que pasear, paseamos. «Vai anotando, amigo». Amigo????, chamáralle amigo??? A cousa era seria. O xefe de gabinete tragou cuspe, con moitísima dificultade. Que lle pasaba ao presidente? Quedaran en que ocuparían a mañá deseñando o argumentario para convencer aos españois de que non pasaba nada e agora viña con paseítos e que tomase nota, amigo.

O presidente, coa ollada perdida, decatándose do bonitas que estaban as árbores na Moncloa a esas horas, empezou a dictar. «Toma nota, camarada». Camarada?, chamoume camarada?, repetiu mentalmente o xefe de gabinete ao tempo que notaba que o corazón se lle aceleraba sen permiso. O presidente ollouno con dozura e empezou a falar: «mira, imos romper o concordato coa santa sede, cos cartos que saquemos imos financiar asuntos sociais, por outra banda, chámame ao ministro de defensa e dislle que non, que xa non hai nada máis que investir aí, desmantelamento do exército e os cartos todos para atender á xente, que o necesita, e agora, amiguiño (amiguiño?, chamoume amiguiño?!!!!), o máis importante, os cartos que nos deu Europa para rescatar os bancos, pois imos ocupalos en rescatar á xente, ah, e que non se me olvide, chámame ao presidente da federación de futbol, e dislle, de parte do presidente do goberno, que como non paguen xa o que deben á seguridade social e á facenda, que vou meterlles un puro como os que me gusta fumar nos touros, que con eses millóns de euros imos financiar a sanidade e a educación…»

«Presidente», dixo o xefe de gabinete, «teño que parar. Vou sentar neste banco». O presidente, que se sentía lixeiro e feliz e cheo e pleno e convencido de que estaba a facer o correcto, parou. «Que che pasa?, non me sigues o ritmo?» O xefe de gabinete, foi sincero, «non podo, isto é forte de máis para min. É como se vostede estivese sufrindo un ataque de loucura!». E comezou a tusir ao tempo que agarraba o pescozo, pois non podía respirar…

Mais quen tusía, en realidade, era o presidente, que espertaba así do seu sono, entre suores e tusidos, espantado diante do que viña de soñar. Que espanto. Que de tolerías. Que soño máis comunista, alternativo e proletario! Que cearía a noite anterior para ter semellantes pesadelos?

Abriu un ollo. Descolgou o teléfono. Chamou polo xefe de gabinete. Quedaran en que ían adicar o día a preparar argumentos para convencer aos españois de que non pasaba nada.

A ver se acababan cedo, que hoxe xoga La Roja.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar