menu Menu
AQUEL CINE ROXY SEN 3D DA MIÑA INFANCIA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 12, 2012 0 Comentarios 3 min lectura
O NENO CAN Anterior OS QUE NON TEMOS PUTA IDEA (post con exhabruptos e pedindo perdón e que disimulen) Seguinte


Será porque medrei dentro do Cine Roxy, en Teis, indo case que a diario a ver pelis en Sesión Continua, sobre todo fitas de piratas, de Bruce Lee, spaghetti western para parar un tren, de El Zorro, de Drácula… e daquela amo tanto ese xénero, perfecto para contar historias, que vexo cun certo escepticismo non tanto o cine en 3D, que estou convencido de que vai  mellorar aínda máis a experiencia cinematográfica, canto o feito de que semella como que o único que nos queren ofrecer é as películas de sempre agora nese formato. É como cando os Beatles, ou quen sexa, insisten en remasterizar os LPs, limpar o seu son e, obrigándonos a pasar por caixa (eu paso sempre por caixa, por algo son coleccionista), ver que despois de todo e a fin de contas, o que nos gustaba de verdade era máis o orixinal, co seu ruído inicial, con aquelas guitarras como agripalladas que agora se perderon para sempre.

Cando eu evoco a miña infancia penso no cine Roxy, nas entradas a cinco pesetas, nas fragolosinas de limón friísimas que duraban media película, nas pipas, a verdadeira banda sonora de todas as pelis fosen cales fosen, do anfiteatro, con cadeiras de madeiras, onde iamos os máis fedellos a montala ben montada, as sesións das tres e media dos domingos, infantil chamábanlle, e case que sempre botaban unha de Tarzán que nos pasaban censuradas no momento do bico, porque en todas as de Tarzán había un intre no que o forzudo e algo inapetente home branco bicaba á morenaza, pero o fotograma saltaba. E por iso lembro a xente berrando, ou aos cativos aplaudindo cando por fin aparecía o Sétimo de Cabalería (despois soubemos que eles eran os malos), e, sobre todo, o moito que gozabamos, ao remate do cine, indo a contarlle a película a todos aqueles que non a viran.

Irei a ver cine en 3D, claro que si. Feliz, ademais e convencido (é un dos meus lemas vitais) de que todo tempo pasado foi peor e, daquela, que todo o que está por vir é mellor.

Mais non poderei esquecer nunca aquel cine da miña infancia, grande, de butacas azuis, onde beixei a Cristinita, a Pino e a Maricarmen. Onde vin El Anticristo para non durmir en nos sei cantos días. Onde o barrio enteiro se meteu para ver King Kong. Onde ao censor se lle escapou o cu dunha muller nunha escena dunha peli de piratas, para alegría colectiva da rapazada.

Ese cine, véxoo a diario cando pecho os ollos.

En 4D.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar