menu Menu
AQUEL HOME DA GABARDINA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 26, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
ARDE GALICIA CON LUME FORESTAL Anterior DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: 'O segredo de Marco Polo' Seguinte


Nuns días presentarei a miña novela nova, para adultos e adultas, que é, entre outras moitas cousas que tentarei explicar nas vindeiras xornadas, unha parodia das novelas policiais. Porque nunca gustei moito nin do xénero nin, sobre todo, dos detectives e inspectores e comisarios, etc., que poboan as súas páxinas. Quizais pola rixidez do formato. Ou, probablemente, porque en canto coñecín un par de detectives de verdade (a miña novela está protagonizada por un detective de verdade, dos de Vigo ou a Coruña ou onde sexa), entendín que había moita mentira forzada nas novelas policiais (a literatura, na composición dos personaxes implica sempre forzar a realidade, mentir bonito, digamos, pero sempre me pareceu que no xénero policial a mentira era esaxerada).
Sen embargo -son un tipo cheo de contradicións, coma todos- sempre adorei aos da tele. E de todos eles ao máis desfarrapado, pouco elegante, feíño e pouco sedutor (en principio, imaxino que haberá donas ás que lles faga tilín) que era o detective Colombo. O detective e aquela gabardina que non apeaba nin polo verán. Aquel tipo que parecía medio aparvado e que, sen embargo, era o máis listo de todos. Parece que non se enteiraba de nada. Pero si que sabía de que ía todo. E os malos caían (quizais por iso a única seria de televisión que hoxe vexo é Los misterios de Laura, coa nosa María Pujalte, curiosamente, coa mesma gabardina todo o tempo. Non sei se é unha homenaxe a Colombo. Eu quero pensar que si).
Como sabedes, hai un par de días morreu Peter Falk, doente de Alzheimer. Había moito que xa non lembraba á súa familia. Non recoñecía á súa parella nin recordaba nada da súa vida. O que ninguén sabe é que dentro do seu sufrimento, no medio do seu inferno, parolaba e ría por dentro relembrando aqueles casos que, cando era o tenente Colombo, lle deron sona mundial.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar