Onte acodín á inauguración da exposición-homenaxe a Xohán Ledo, organizada pola Editorial Galaxia, no Pazo Quiñones de León de Vigo.
A mostra é un luxo absoluto e por moitos motivos. Dividida en dous espazos, un dedicado á súa faceta, inmensa, de pintor ( coido que a máis descoñecida, a máis inxustamente descoñecida ), e a outra máis ao libro e ao seu traballo para Galaxia ( Xohán Ledo foi principal ilustrador e deseñador dos libros da Editorial Galaxia e a revista GRIAL dende 1951 ata 1983 ), a mostra serviralle ao visitante para coñecer a un artista que soubo poñer o seu pincel, as súas enerxías e o seu talento, e nuns tempos nada fáciles, ao servizo dun País que loitaba por non desaparecer. Como lembrou Víctor Freixanes durante a presentación, xunto con Luís Seoane (desde o exilio exterior ), Xohán Ledo ( desde o exilio interior ) souberon poñerlle cor, e alma, ao libro galego durante décadas.
Para min resultou especialmente emocionante ver as primeiras edicións de libros que hoxe son clásicos e nos que o deseño de Xohán Ledo aínda, hoxe, pasados tantos anos, resultan brillantes, en tanto que volumes que teñen a obriga de entrar polos ollos, por suxestivos.
Pero a exposición quere ir máis lonxe, e Galaxia preparou un ciclo de debates e mesas redondas nas que se vai falar do libro galego desde os seus inicios ata os tempos modernos. Será en Vigo e ata Xaneiro. O programa completo téndelo aquí. Unha das mesas de debate leva por título Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes, e eu terei a honra de ser un dos convidados ( en tanto que escritor e responsable deste blog náufrago ) á beira do blogueiro Oscar Sánchez, a xornalista dixital e escritora Rosa Aneiros e a tamén xornalista dixital María Yáñez. O moderador será Manolo Gago, director do portal Cultura Galega.
Xa que logo non só unha fermosa e completa exposición, senón un acontecemento cultural completo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.