menu Menú
AS OBVIEDADES DO DISCURSO DE JUAN CARLOS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 25, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
NON TER PRÉSA PARA MATAR UNHA MULLER Anterior A miña felicitación de Nadal Siguiente

Co discurso do Rei pasa como coas pescudas en Google, que un só atende ao que sae primeiro. É como unha música de fondo, un sotaque que leva acompañando trinta e pico de anos ás familias de por aquí. Pero moito máis aló do hola que tal como están ustedes ninguén pasa. Escóitase o himno, chan chan, chánchan, e logo a xente fala das súas cousas mentres el vai ao seu, imaxino que consciente de que a meirande parte dos que estamos do outro lado pasamos moito. Agás os xornalistas, que teñen que escribir algo ao día seguinte.

Eu recoñezo que este ano estaba atento, pero no básico porque os republicanos andamos así como que moito máis amolados do habitual coa institución polo asunto Urdangarín, por dicilo en fino e sen largar frases malsoantes por iso do día que é hoxe.

O que achei foron moitas obviedades. Imaxino que sempre é así. Pero sobre todo no que se refire ao do seu xenro. Que a Xustiza é igual para todos. Que todos deben ser tratados por igual. Que calquera comportamento censurable debe ser sancionado… todo ese tipo de frases (que hoxe toda a prensa -idéntica igual homoxénea similar calcada, etc. que pouca pluralidade informativa temos por aquí… – leva ás portadas das súas edicións dixitais) todas esas grandilocuencias, dicía, no fondo son dunha obviedade que case case case case… ofende. Érache boa que non todos tivesen que ser tratados por igual. Érache boa que non todo comportamento censurable teña que ser sancionado. Érache boa que a Xustiza non fose igual para todos.

Case que é ofensivo que diga, mirad, españoles, que mi yerno la metió hasta el fondo y las va a pagar.

Pois claro, home, érache boa que non.

No fondo, o que se agocha detrás dese discurso que hoxe celebran todos os xornais do Estado como un logro quinindiola (iguais, similares, idénticos, etc.) é algo así como que enrollada la corona que acepta que también pueden ser juzgados como plebeyos.

Daquela, postos a dicir obviedades podía dicir que as monarquías herditarias non teñen sentido no século XXI e que, como agasallo de Nadal, decidiu pedirlle ao novo goberno a proclamación da República Española.

Bo Nadal.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar