menu Menú
ASÍ É A LIFE
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en marzo 30, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
CRIAR EN GALEGO Anterior SPAM EN CARBALLO Siguiente


Unha das cousas das que máis orgulloso me sinto, da miña casa, é da nosa biblioteca. Coido que ese é un sentimento que compartimos todos os que gostamos do libro e da lectura. Sen embargo, non teño grandes alfaias bibliográficas. Algunha si. Pero non moitas.
Entre as que si, está a mítica revista Life que herdei dun familiar que a coleccionou desde os primeiros sesenta ata mediados dos setenta. Cando finou, a familia directa non sabía que facer con ela e aí aparecín eu disposto a quedar con elas para que non se perdese. Encarguei unha luxosa encadernación e agora presumo de revista.
É un exercicio fantástico, para min, que son un namorado da música ( e non só da música ) dos 60, ver como a revista Life explicaba todo o dos Beatles a medida que ía sucedendo; o dos Beatles pero tamén Maio do 68 ou o nacemento do movemento hippie ou as fotazas, que me fixeron ( e fan ) soñar desde sempre, da carreira espacial. Iso pola parte bonita. Porque tamén é interesante a información sobre Vietnam xusto no intre en que a guerra estaba presente en todo o seu espanto (abraia ver como xa daquela os gobernantes dos Estados Unidos falaban igualiño, para xustificar o asunto bélico alí, coma hoxe fan cando falan do Iraq ). É unha maneira, gloriosa, de viaxar no tempo por uns anos frenéticos e, sen dúbida, moito máis interesantes cá os de hoxe.
Agora, leo que Life desaparece en papel e que vai editarse só en Internet.
Xa que logo, posuir tantos exemplares como posúo, ten xa máis valor. E non me refiro, como podería sospeitar alguén mal pensado, ao económico.
O futuro irá por aí. As revistas serán todas dixitais. Mágoa. Non será nin a metade de emocionante.
( A portada que reproduzo aí, por exemplo, é unha das que teño na casa )


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar