menu Menu
BOAS (E SORPRENDENTES) E MALAS NOVAS PARA O LIBRO DIXITAL
Medra o seu consumo pero os españois seguen sen pagar pola súa lectura
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xaneiro 31, 2019 0 Comentarios 3 min lectura
SOBRE A IMPORTANCIA DA LITERATURA XUVENIL Anterior Españois sen  libros Seguinte

O Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros 2018 que estes días estamos comentando, arroxa datos moi interesantes relacionados co libro dixital. Boas e malas novas. As que son malas, igual non todo o mundo as ve malas, pero son.

Ao respecto da parte boa, semella como que o libro dixital comeza, aínda que moi timidamente, a despegar en España. Este último informe indica que medra o número de lectoras e lectores en soporte dixital ata o 23,2%. Desa porcentaxe, a meirande parte delas e deles comparte a lectura tamén en papel. Os que só len en dixital é un 6%.

Curiosamente, e contra do que de primeiras moita xente podería pensar, os datos indican que quen le en dixital le con máis intensidade que quen só o fai en papel. De primeiras, repito, podería parecernos que non, que os que aman o papel e non queren nin escoitar falar da lectura noutros formatos len máis. Pois non. O certo é que os que len en dixital len unha media de 13.2 libros ao ano fronte dos 11.2 dos que só len en papel. Así pois, os cinsentos que relacionan os trebellos electrónicos como causantes da morte da lectura, están trabucados. O mundo dixital pode ser, de feito é, un aliado. Un complemento. Levo máis dunha década dicindo o mesmo: o de menos é onde se lea. O importante é ler.

E non só iso. Contra do que puidese pensarse, de que os consumidores de libros en dixital non queren saber nada do papel e prefiren acumular títulos nos trebellos ou na nube, os datos indican que ese tipo de lectorado ten, na casa, máis libros en papel que os que só len ao xeito, digamos, tradicional. Teñen de media 269 libros na casa fronte dos 230 de quen só le en papel.

E agora, a parte máis turbia dos resultados: o 79% dos libros lidos dixitalmente obtivéronse sen pagar (moitos deles están de balde, ou sexa, son textos libres de dereitos; mais outros moitos son froito da actividade pirata. En canto sae unha novidade, en cuestión de días xa hai onde  baixalo gratis, polo xeral nun incómodo PDF). Só o 21% dos lectores dixitais pagan pola lectura.

Alguén pensará: e por que iso é unha mala nova? Pois porque ningunha industria pode manterse con altos niveis de piratería. E se a industria, neste caso a do libro, se resinte ou non ve que lle pague a pena investir en dixitalización porque total todo o mundo consume pirata, o resultado final será peor, menos interesante e de menor calidade. É tan obvio que non merece moita máis explicación.

En conclusión: o libro dixital comeza a despegar. Pero ás e os españois, iso de pasar por caixa, aínda lles custa un mundo malia que estamos a falar de prezos realmente ridículos. E que ninguén se engane: non é unha cuestión de prezos. É un asunto cultural e de (mala) educación.

ebook hábitos de lectura lectura dixital


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar