Este é un post moi longo, pero despois de ser duramente machacado por unha cantidade non pequena de persoas dende hai sete días (deiteime lendo cousas terribles sobre min, erguinme lendo cousas terribles sobre min; non só eu, tamén a miña xente querida que non entendía a que viña tanta mala uva), teño que contar as cousas ben. Espero que as entendan, aínda que estou certo de que á meirande parte dos que nas redes sociais, sobre todo en X (antes Twitter), que eu lles explique algo lles dará como que un pouco igual. Sempre é máis interesante a bronca que o raciocinio. Sobre todo se cando se razoa a un lle quitan, precisamente, a razón. E sobre todo se cando se escriben certas cousas nas redes se fai con sensación de “facer xustiza”, “por fin alguén di a verdade, que valentía” e todas esas expresións grandilocuentes que teñen a forza dun arrouto logo dun bo cocido.
Deixei pasar unha semana. Son unha persoa acougada, que pensa as cousas, sobre todo cando ten que dicir algo importante. Entendo que non é o xeito no que lle funciona a cabeza a todas e a todos os que, dende a publicación en Praza o pasado venres, pola noite (que hora máis rara para publicar nada) da entrevista na que Alberto Ramos en teoría fala sobre a novela coa que gañou o premio Repsol de Narrativa Breve pero que, en realidade, dedica máis espazo a criticar xa non só a miña xestión á fronte de Editorial Galaxia (empresa privada, por outra parte, non imaxino unha cousa así, eu que sei, con Pescanova ou Frutas Maripuri), senón, sobre todo, á miña persoa, se dedicaron nas redes a “opinar”. Os que estudamos Filosofía chamámoslle ao que o señor Ramos fai, “Falacia Ad Hominen”. Non hai moito máis que explicar agora sobre iso. Atacar ás persoas é feo. Sobre todo cando non as tes diante para que che poidan retrucar, e dar datos, que o entrevistado sabe e que eu sei.
Como diría un forense, imos por partes.
Ese medio de comunicación, a quen eu tiña por serio (e no que colaborei con artigos hai moitos anos, durante moito tempo, por certo, sen cobrar nada) publica esta entrevista sen asinar. A ver, espera, SEN ASINAR? En serio? SACARON A ENTREVISTA SEN ASINAR? Pois si, sae sen asinar (sabemos moitos quen é a autora da entrevista, pero en fin, ela saberá por que se prestou a isto). O feito de que saia sen asinar xa fai que un comece por sospeitar que hai algo raro. Ademais, durante estes días entolecidos, chegoume o ruxeruxe, por varias persoas (dúas delas vencelladas directamente a Praza) de que outro medio rexeitara, EN XANEIRO, publicar esa entrevista por parecerlles un disparate e un pretexto -o libro- para atacarme directamente. Espero que non sexa certo, porque, de selo, é todo aínda máis raro. Sumádelle a iso que a entrevista, en teoría sobre a nova publicación de Alberto Ramos, refírese a un libro DE HAI UN ANO. En serio? DE HAI UN ANO? Ah, pois si. Dende logo, se nese medio de comunicación están pendentes da actualidade, convén que revisen ademáis da súa praxe xornalística (unha entrevista a fai alguén, se non sae asinada sería como que Alberto Ramos se autoentrevistou, e imaxino que non), que revisen tamén que entenden por “actualidade”. Así que, caramba!, sae extemporáneamente e fóra de toda lóxica xornalística. Dán ganas de pensar que o fixeron por algo que se me escapa (pero que imaxino, esetou estes días atando cabos). Pero a miña nai e o meu pai aprendéronme a ser ben pensado e non un conspiranoico. Porque sería “la leche” que un medio de comunicación que vai de cuqui e de serio se prestase a algo estraño. Non, ho. Seguro que non. Sobre todo tendo en conta que Galaxia, ademáis, lles pon publicidade e asinou acordos de colaboración con eles.
Como diría Papuchi, raro, raro, raro.
En todo caso, malia que o libro de Alberto Ramos é moi bo (digo sen retranca, gocei moito da súa lectura) ao pobre autor ninguén lle fai caso ao que di sobre a súa obra, senón que todo o mundo se centra no que di da miña persoa. Logo xa entrarei nisto. Agora, de momento, deixádeme que me centre no feito de que na entrevista a autora que non asina (e o medio) lle dán espazo e espazo e, digamos, tíranlle da lingua, ao autor para que fale doutra cousa. De min. Da xestión de Galaxia. E de moitos asuntos da miña vida privada. En serio? DA TÚA VIDA PRIVADA? Pois si, pero xa iremos logo con isto.
Tan serio é o proceder do medio, que, logo do balbordo que sabían que se ía montar (porque o sabían, eran consicientes, non son inocentes), non se puxeron en contacto comigo en ningún instante para preguntarme, hei, Paquiño, tes algo que dicir? Non. Comigo non fala ninguén. Recibo unha pedrada na cara pero os que actuaron, digamos, de catapulta, aos xornalistas serios e rigorosos, non se lles ocorre nunha semana enteira preguntarme a min. Si que vin como ese medio rechiaba nas redes, sobre todo en X (antes Twitter) a entrevista e os destacados que falaban de min. De verdade que entran ganas de pensar que isto é como unha operación contra este que lles escribe. Pero non ho, como vai ser iso…
Prestaríase un medio de comunicación que vai de serio, rigoroso, formal, etc, a algo así?
Habería que ser mala xente. Non ho, como vai ser iso…
Falei con Alberto Ramos dúas veces na miña vida.
A primeira, por teléfono cando el formaba parte do Xornal de Galicia. Eu xa traballaba en Galaxia e gañaba premios e vendía libros e era traducido e ailalelo e ailalalo, e chamoume para preguntarme sobre libos, literatura, lecturas. Podía terme preguntando, non sei, por esas cousas que logo “denuncia” na súa entrevista. En fin, non o fixo. Daquela seguro que non pensaba todas esas cousas que di. A segunda, foi na entrega do Premio Repsol. Igual é que eu agora estou susceptible pero me chamou a atención a frialdade coa que me tratou malia tentar eu falar con el (era o autor premiado) e sobre todo, logo das fermosas (e sinceras) palabras que dixen no acto sobre a súa novela e o conxunto da súa obra. Pero igual é que estou susceptible e el é así con todo o mundo. En calquera caso, iso non importa.
Ao que vou é que, se el tivo algún problema durante a edición do libro, non foi comigo pois eu, como comprenderán, teño tarefas dabondo como para ademáis estar no día-a-día de todos e cada un dos libros que publicamos. Que son arredor de 120 ano. Un mundo de libros. A edición fixoa un compañeiro e non fixo nada que non se faga moitas veces: recomendar tal melloría, profundar en tal personaxe, suxerir imaxes para as capas. Ou plantear que é mellor mudar un título. Faise a diario. A min tamén mo fan.
O xurado do premio Repsol daquel ano recomendou vivamente que se mudase o título. Non foi, pois, un capricho do editor. Foi algo que se dixo para mellorar o libro. O autor non o entendeu así e pareceulle, seica, algo gravísimo. Pero, en todo caso, é algo dabondo habitual no mundo editorial.
Sobre todo o que di do contrato, sexamos claros. Galaxia publica todos os libros con contrato e paga relixiosamente os dereitos de autoría. Ademais dos 120 libros que son novidades (120 contratos) facémoslle contratos a ilustradores e a outros profesionais que forman parte da cadea de produción dun libro. Iso é sagrado e se respecta sempre. O que non quita que, ao mellor, nun intre puntual, se nos escape algún (teño a sensación de que quizais durante a pandemia, nos meses que teletraballamos, igual algo se nos escapou. Podería ser), En todo caso, se hai algunha clase de desxuste, o normal, O NORMAL, é falalo coa empresa e se soluciona. Porque a ver, razoade, que gaña Galaxia facéndolle contrato a TODO O MUNDO pero non A UN AUTOR EN CONCRETO? Esfórzome en responder a esa pregunta e, a verdade, chámenme corto, non consigo saber que podería xustificar a nosa lóxica empresarial se fose esa.
Por iso agradecín tanto estes días todas esas mostras de autores/as e ilustradores/as que saíron explicar a súa experiencia positiva con nós.
Pois iso. O autor podería terme chamado. Pero non o fixo. E malia vernos só dúas veces na vida, dedica toda a súa enerxía a deitar por aí a idea de que son un petardo e que, ademáis, Galaxia fai as cousas mal. Como pode todo o mundo comprender, eu non podo tolerar iso. Levo 15 anos traballando nisto e nunca, e cando digo nunca quero dicir exactamente iso, nunca, houbo o máis minimo problema con ninguén e, de habelo, se solucionou COMO PERSOAS, é dicir, falando cordialmente, que eu sonlles unha persoa ben educada. Tanto, tanto, que non contestei, por saúde mental, a todo o que se me dixo estes días. Pero xa irei con iso.
Imos agora coa miña famosa RESPOSTA AO QUE DIXO ALBERTO RAMOS.
A ver, criaturas. Levo en Facebook dende que se fundou. As miles de persoas que me seguen, nas distintas redes sociais, saben que, varias veces á semana, poño unha foto e fago unha reflexión sobre distintos temas: a vida, a morte, o amor….ou sobre o que se me pase pola cachola ese día.
O pasado sábado, erguinme, escollín unha foto e fixen unha reflexión sobre as persoas destrutivas. Só iso.
Logo, como me coido, e porque podo, abrín a porta e saín pasear á praia de Samil, xa que vivo sobre ela. Deixo o móbil porque así gozo máis do paseo.
En canto volvín e o collín, MADREDEDIÓS, a que se montara. Ou mellor: a que me estaban montando. Vouno repetir por se alguén le rápido e non se entera:
A QUE ME ESTABAN MONTANDO. Outros a min. Non eu. Outros a min.
ALGUÉN DECIDIU que esa era a miña resposta. E punto. Acto seguido, nunha demostración de, si, linchamento colectivo, todo o mundo sinala o meu texto e comeza cualificalo de moitas cousas terribles que non vou lembrar aquí. Daí saltouse, nalgúns, casos, xa directamente a cualificar a miña persoa. Houbo comentarios que rozan a legalidade. O meu avogado está con iso xa.
Se eu quixese responder a Alberto Ramos, pois respondería. Pero en 15 anos, ou os que sexan, de Facebook, nunca, é dicir, NUNCA, tiven cristos con ninguén. En fin, si, cos fascistas de VOX (xa que estamos, o 90 por cento da xente que me crucificou estes días non lles lin nunca un chío contra os fascistas. Ai ese medo….. Eu xa padecín un xuízo e perdín contra eles, xa que estamos).
Recoméndovos vivamente o libro de Juan Soto Ivars titulado ARDEN LAS REDES. LA POSCENSURA Y EL NUEVO MUNDO VIRTUAL. Aí explícase como se organizan os linchamentos na rede. Permitídeme unha cativiña explicación que vos ilustre: no básico, consiste en lanzar un bulo, amplificalo e, acto seguido, deixar que a xente libere a súa frustración. Pois si, chico, isto foi de manual.
Sei que isto é terrible. Que vos corten así o rollo. De feito, xa sei que diredes: FRANCISCO CASTRO ESTÁ INVENTANDO ISO! Pois nada, como cantaba Serrat, Cada Loco Con Su Tema. A realidade é esa, pero sei que vos gusta moito máis a outra. Pensar que eu contestei así a Ramos. Pero non. De feito, non cito a ninguén. Pero a vosa imaxinación calenturienta os fai pensar que si. E sabedes que? Que sobre iso, eu estou indefenso. Dixéronme que ata o mesmo Ramos así o entendeu. Pois non. Aínda que lle custe entendelo, eu non penso nel cando escribo. Non teño a Ramos na cabeza. Teño cousas máis interesantes nas que pensar cada día. E, insisto, de querer contestar, mandaría un escrito a Praza para retrucar como é debido.
En fin, non sei para que poño isto. Hai xente que sempre prefire o bulo que a verdade. O bulo alimenta as propias conviccións. Ayuso sábeo. Eu tamén. Non vexo moita diferenza entre o proceder estes días nas redes dos que montastes esa idea (“a resposta de Francisco Castro”) e os ayusolibers.
Os escritores temos ego. Eu tamén. Comprendo que Ramos pensase que falaba del. Pero non, síntoo, meu amigo, non pensaba en ti. Non penso en ti (antigas amigas túas que agora son miñas si que me din que pensas moito en min e dende hai ben de tempo, o que explicaría esa arroutada –de arrouto- que che deu).
(Unha cousa simpática: compuxen hai máis dun ano unha canción titulada “Albertiño”. Vai sobre un señor e os seus hábitos machistas. Ía ir no disco pero a sacamos hai meses. O meu produtor dicíame, logo do que pasou esta semana: menos mal que non a metimos no disco. Pensarían que a escribiches por el! En fin).
Toca agora entrar en dous asuntos finais.
Primeiro: os que me puxeron podre nas redes estes días….realmente estaban poñéndome podre a min? Ou máis ben eu era un pretexto para soltar certas frustracións? Digo isto porque entre algúns dos máis combativos vin autoras e autores que no que dicían se deixaba caer algo así como que eles tiñan que vender máis, e tiñan que ter máis recoñecemento e, no fondo, o vello QUE HAY DE LO MÍO. Eu podo entender iso, pero é importante que volo fagades mirar. Todos pensamos que somos os mellores autores do mundo. E non entendemos que ás veces as cousas non saian como maxinamos na nosa cabeciña. Cando eu publiquei en Random House, case nada, o maior grupo editorial do mundo, pensei que ía arrasar. Tiembla Reverte! Pero mira, vendín mil e algo libros en España. Un desastre. Mais non se me deu por disparar contra o sistema. Non se me deu por dicir que a editorial non me promocionaba (este é un clásico). Simplemente, as cousas son así, amiguis, ás veces un libro pita, e non se sabe moi ben por que, e outras veces, non funcionan. Perooooooo…..é moi duro aceptar que o teu texto simplemente, polo que sexa, non chegou ao corazonciño da xente. Sempre é mellor culpar a outros. É que non me promocionan, é que pasan de min, é que é que é que…Tan vello como a propia humanidade.
Deixo para o final todos eses asuntiños que Ramos cita como se soubese da miña vida.
Sobre iso (que algunha exeditora repetiu nas redes con entusiasmo fanático: de fan) de que teño Galaxia ao meu servizo persoal: ai, criaturas, xa me gustaría ter ese poder! A acusación é infantil pero, veña, aínda que sexa burdo, que diría Ferreras, vou con iso. Veredes, a nosa responsable de Comunicación sabe que hai unha norma no relacionado comigo e é que non se soben ás nosas redes cousas relacionadas coa miña obra (a non ser cando se me cita nunha entrevista, sae unha crítica, ou asi; aí si, claro, como non. Vendemos libros e, mira tú por donde, son o segundo autor que máis vende en Galaxia. Podemos pensar que é, claro, porque os 13 compañeiros/as que están aquí os teño a lategazos traballando para min. Esa idea mola, eh? Pero non é certa). No que ten que ver cos meus libros danse conta das saídas pero, por exemplo, a miña obra queda fóra da Publicidade (a non ser que sexa unha imaxe na que se poñen as novidades do mes, ou algo así). Isto xa era así en tempos de Víctor Freixanes, no que, ademáis, eu fun varios anos responsable de Comunicación. De ter querido facelo, xa o faría daquela. A promoción da miña obra faise fundamentalmente nas miñas redes sociais. Que son miñas. Pero disto xa falarei tamén.
E despois, todo o relacionado con que o teño bloqueado, que fago un disco, a imaxe que dou en redes sociais! Meu Deus, só iso? Non hai acusación de ter algo que ver co Cambio Climático ou o mal que lle vai a África?
Verás, Alberto: as miñas redes sociais son miñas. Vouno repetir por se non o pilla alguén: AS MIÑAS REDES SOCIAIS SON MIÑAS. Sei que igual lle custa entender iso a alguén, mais, ata onde eu sei, hai dúas verdades: non estás obrigado a seguirme, non estou obrigado a permitir que todo o mundo vexa o que fago. Como son miñas, acepto a quen me peta. Pero, xa que estamos, bloqueeino porque era desagradable a súa interacción con algunhas das miñas publicacións. Que non teño por que dar explicacións, pero como me pasaron varios chíos onde outros bloqueados por min se xuntaban así en plan choromicar dicindo “a min tamén me ten bloqueado”, pois para que vos quede claro. Son miñas. Fago con elas o que me peta. Simple, verdade?
A imaxe que dou nas redes sociais é tamén un problema meu e íntimo no que ninguén ten nada que dicir. Eu non opino sobre o aspecto de ninguén, ou sobre o que fai ou deixa de facer ou sobre o que me parecen as súas actividades persoais. Pero semella como que todo o mundo pode disparar(me) e tanto ten o motivo. Síguenme nas distintas redes varias miles de persoas que me amosan o seu agarimo respectuoso. E mira, se non che gusta o que fago, por que protestas? Simplemente, non me sigas. Se eu non teño ningún interese en que me sigas, home!
Hai referencias, bastante infantís a que agora vou sacar un disco. Pois si, mira, vou sacar un disco. Precioso. Porque podo, porque teño talento para facelo e, fundamentalmente, porque me sae dese sitio que por decoro non cito. Que tes que dicir?, que ten que dicir ninguén? A que vén esa intromisión nun asunto privado?
Xa que estamos: tamén estou tatuado, en varias partes do corpo, quizais algún día faga unha película, vou saír de xira por Galicia e, preparádevos, vou facerme un piercing. Uso camisas estampadas. Eu que sei. Que carallo ten ninguén que dicir nada sobre isto?
Remato.
Hai unha derradeira reflexión que merecería outro post, que eu non vou facer (estou liado facendo un disco, escribindo novelas, etc). E ten que ver co conxunto da cultura galega. Ten que ver con este ataque furibundo no que, mirade o que vou dicir, coido que Ramos é o elo máis feble e menos importante. Aquí houbo un ataque despiadado. E o que me preocupa máis é chegar a saber (xa nos enteraremos) do por que o fai ese xornal e neste intre. Os “argumentos” de quen emite esas barbaridades, sinceramente, non me preocupan. Iso si que me chama a atención. Ou que se focalice todo en Galaxia. Como se non houbese máis editoriais.
Eu podo dicir que, cando comezaba escribir (non vou dar nomes de empresas) publiquei con dúas editoriais, unha de Santiago e outra da Coruña, e nunca mirei un can. Non cobrei nunca nada. Estou seguro de que agora pagan relixiosamente a todas as autoras e autores. Pero, cachis la mar, vin moitas críticas centradas na empresa que eu dirixo e moito silencio sobre outras (agás excepcións que si as citaron) que levan DÉCADAS sen pagar un céntimo.
En fin, remato expresando as miñas dúbidas de que moitas e moitos dos francotiradores chegasen ata aquí pero, en todo caso, como dixo George Harrison cando marchou temporalmente dos Beatles, VÉMONOS NOS BARES. Iso si, non é necesario que me saudedes. Isto vai por quen vai. Ao resto, convídovos eu.
Aquí dou este asunto por rematado. Non pensó discutir con ninguén sobre isto. Xa non o fixen na semana do linchamento, non o vou facer agora logo desta explicación.
Por certo, xa están en marcha un par de querelas por inxurias e intromisión ilexítima na honra. Porque un pode parecer parvo pero, de verdade, eu non o son.
Love, Francisco.