menu Menu
BOTÁBALLE EU UN LAPO!
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Febreiro 22, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
¡QUIETO TODO EL MUNDO! Anterior Hoxe berro GALEGO!!!!!!!!! Seguinte

Xa sabedes que o presidente da Comisión de Economía e Política Financeira da CEOE, ou sexa, da patronal, José Luis Feito, propuxo antonte que se retire o subsidio de desemprego aos parados que rexeiten unha oferta de traballo, “aínda que sexa en Laponia”. A filosofía é clara: se eu agora vou ao paro, e me ofrecen, eu que sei, traballar polo soldo mínimo facendo un traballo case en condicións de escravitude, xa non en Laponia, senón nalgún lugar afastado que implique que gaste cartos para ir, teña que comer alí, non ver á miña familia durante o día, etc. pois se iso é así, eu teño que collelo ou senón, que me quiten o paro (subsidio que, por outra banda, veño pagando cos meus impostos dende hai décadas). A idea que sustenta tal disparate, no fondo, parte do prexuízo ese de que os parados, en realidade, son uns vagos que non queren traballar. Idea pelín facha, por certo.

O caso é que cando eu escoito Laponia, que queda en Finlandia, penso inmediatamente nos renos de Papá Noel e venme un sorriso á boca. Pero, será porque son de Teis e medio macarra, no primeiro que pensei foi nos lapos, a saber, esa mestura de saliva e moco que se saca directamente da gorxa e que se cuspe con forza e que, se che cae enriba, dá moito noxo.

E foi ler as declaracións esas e non me entraron ganas de pensar nos renos de Papá Noel, senón en largarlle un lapo en todo o traxe carísimo a quen pensa que hai que asumir traballos indignos, mal pagados ou semiescravos ou non ter o dereito a vivir.

(E tómese o do lapo, por favor, como un hábil e algo porco xogo de palabras; non quero que anden cuspindo vostedes agora por aí a ninguén. Élles un falar)


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar