menu Menu
CANDO MANDAN OS PSICÓPATAS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Marzo 26, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
COMO ATOPAR O PUNTO G Anterior Por que (creo) que non estou tolo Seguinte

Grazas a Xosé Bangueses, atopo un artigo que nos conta que un de cada dez empregados de Wall Street é un psicópata. A cousa non me sorprende, é máis, estou certo de que son moitísimos máis. Só o un por cento dos que nos dirixen están pirados? Teñen que ser moitos máis digan os estudos clínicos o que digan.

Sempre soubemos que aquí non mandaba Rajoy, nin sequera Obama. Canto menos Feijoo. E ollo: que é unha mágoa. Oxalá os políticos que escollemos obedientes cada catro anos mandasen algo.

Non. Quen manda é o capitalismo. Máis que Rouco Varela, que xa é dicir. Quen goberna o mundo é un sistema absurdo e voraz que o que procura é autoperpetuarse sine die ata que estoupe de fartura. E caia quen caia. Que morre xente? Que se fodan. Que hai bágoas para encher varias lagoas moi profundas? Que se fodan. Que cada vez somos máis pobres e que cada vez hai máis persoas con problemas para ter o básico? Que se fodan. O capitalismo é feliz. Felizmente feliz felicísimo felicitándose a si mesmo de tanta felicidade felicérrima.

Pero alguén, claro, ten que dirixir o sistema, que por si mesmo, non é ninguén. E eses son os brokers de Wall Street, os donos dos bancos, todos eses que canean toda ética e moral para máis gloria dos seus bandullos xa de por si cheos.

A ver: se un psicópata é un ser sen sentimentos de empatía, incapaz de facerse cargo nin responsable da dor que provoca, e que goza facendo o mal, daquela, a economía mundial é psicopática. E é un comportamento de psicópatas o destes traxeados señores cando deciden timar co das preferentes sabendo que están timando; e é un comportamento de psicópatas o da industria farmacéutica cando non abarata os medicamentos para o terceiro mundo condeando a morte a millóns de seres humanos sabendo que ao decidir iso están matando xente; e é un comportamento de psicópatas o dos gobernantes que declaran unha guerra baseada en  mentiras (non sei como se declarará, xa que estamos, unha guerra baseada en verdades) que levará ao inferno a moitas persoas.

Pois claro que mandan os psicópatas.

Por iso estamos todos tolos.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar