menu Menú
CANDO SEXA GRANDE XA LLE APRENDEREI "El GALLEGO"
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en junio 13, 2009 0 Comentarios 1 min lectura
É VERDADE Anterior LIBRO PECHADO Siguiente


Hai unhas horas, na charcutería do Gadis, vivín unha situación curiosa que non deixa de ser toda unha lección de sociolingüística pero, sobre todo, de como nos sentimos diante de nós mesmos. É dicir, o autonoxo e todo iso.
Estaba falando coa miña pequecha e coas dúas rapazas máis que agradables que levan á sección. Os tres falabamos en galego, e faciámoslle chiscadelas á nena. Unha señora, á miña dereita, ollábanos con expresión feliz, sobre todo á neniña, que ría as nosas parvadas e nos «contestaba» na súa lingua de farrapo.
Entón, inclinouse cara ela e díxolle nun fermoso galego:
– Eu teño un netiño de dez meses, guapo coma ti, e tamén fala á súa maneira. Unha mezcla de inglés e alemán, e tamén portugués.
Miroume e aclarou:
– É o que falan na casa do meu fillo.
Ata aí todo ben.
Inclinouse de novo cara a pequerrecha e completou:
– Pero cando sexa grande, aprendereille «el gallego».
Pareceume que a frase estaba máis dirixida a min, o pai galegofalante que outra cousa. Daquela, aproveitei:
– Muller, apréndalle agora que os cativos son como esponxas e aprenden todas as linguas con facilidade.
– Si ho – contestou – para que se me líe.
Aí rematou a conversa.
O galego, se cadra, cando sexa máis grande. Agora non, que se lía.
Se lle chega a enquisa xa sei o que vai poñer.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar