menu Menu
CANDO TODO COMEZOU (BABY'S IN BLACK)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xaneiro 9, 2012 0 Comentarios 3 min lectura
TEN DESEXOS SEXUAIS ROUCO VARELA? Anterior MARILYN MONROE: NÁUFRAGA Seguinte


Onte remati a lectura dunha novela gráfica titulada Baby’s in black. La historia de Astrid Kircherr y Stuart Stucliffe. Como bo beatlemaníaco tiña que lela. Vina aló polo mes de outubro nunha librería de Ourense e pedina para o Nadal. E os Reis acertaron co pedido e ás miñas mans chegou esta historia que fala de Stu, o grande amigo de Lennon na escola de arte, un pintor de grandísimo talento ao que ensarillou para que, sen ter nin idea de música, entrase nos Beatles cando aínda non os coñecía ninguén. Con eles marchou a Hamburgo e alí coñeceu a Astrid, quen pasaría á historia por lles facer unhas fantásticas fotos alí e, sobre todo, por terlle curtado o pelo aos, daquela, cinco beatles, con aquel peiteado que logo se faría famoso.
Stu quedou a vivir en Hamburgo, con ela. Protagonizaron unha fermosa historia de amor ata que unha hemorraxia cerebral o matou con só 22 anos.
Sempre me interesou esta parella. Xa non só como beatlemaníaco senón, sobre todo, por eses instantes, para min fascinantes, de cando todo comeza. É dicir, un día, Klaus Voorman (quen remataría facendo a carátura de varios discos dos Beatles e tocando con Lennon), daquela noivo de Astrid, despois dunha rifa con ela sae pasear e, sen saber como (porque el non frecuentaba esa parte sórdida da cidade) entra nun antro no que aqueles rapazolos descoñecidos de Liverpool tocaban por catro perras oito horas ao día. Queda enfeitizado e volve a casa para convencer á súa moza para que os vexa.
E aí comeza todo e a min fascíname ese instante impreciso pero real nos que os que están facendo a historia non o saben nin o sospeitan nin o poderían maxinar.
Como cando aquela rapaza entra na tenda de discos de Brian Epstein (despois mánager dos Beatles) e pregunta por un single que gravaran en Alemaña como músicos acompañantes de Tony Sheridan. E aquel home non sabe quen son (de feito, case que ninguén o sabe), pero picado por esa rapaza que pediu un disco que el non tiña (e el gabábase de ter todo o que os seus clientes desexaban), pescuda por aquí e por aló e remata entrando en The Cavern, onde o grupo actuaba, e queda tamén enfeitizado pola súa forza e a súa enerxía. E de non entrar esa rapaza aí, senón noutra tenda, igual as cousas eran distintas e contabámolo agora doutro xeito…
Eu, que non creo no destino, fico fascinado por eses instantes… nos que todo comeza.
http://youtu.be/xSd3EANnbfk


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar