menu Menu
CEA E LITERATURA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Novembro 27, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
MAÑÁ NA ESTRADA Anterior ANDEIS BALEIROS NAS CASAS GALEGAS Seguinte

O pasado sábado levei unha sorpresa enorme. Fomos cear a un restaurante vexetariano que hai en Vigo e que se chama Gálgala. A sorpresa foi maiúscula porque é a primeira vez que vexo tan ben integradas a cociña e a literatura.
Comezarei dicindo que non son un gran amante da cociña vexetariana. Cómoa. Gústame. Pero non son un fan. A ver: son fillo de carniceira e na miña familia hai 15 carnicerías en total. Saíulles un escritor. Eu. A mutación xenética. Pero gosto dela e cómoa con pracer. Pero se me fixese vexetariano retiraríame a fala toda a familia. E non é plan.
A sorpresa nese restaurante consiste en que, mentres os clientes agardan polos seus platos, a encargada, marabillosa e sutil, achégase cuns papeis. Teñen montado, cada mes, un Concurso de Relatos Breves, Muy Breves, así se chama. Para relatos en galego ou castelán. Non máis de dez liñas e partindo dunha frase dun autor célebre, que ten que ser a primeira do relato. Os comensais teñen a oportunidade de ler os relatos seleccionados como mellores para ese mes e valoralos, escollendo así o gañador. De premio, unha cea para dúas persoas no propio restaurante e a publicación na carta do relato gañador ese mes.
Imaxinade o meu pracer. Ceando e, ademais, de membro dun orixinalísimo xurado de Premio Literario.
Isto si que é dar de cear. E a demostración de que, cando funciona a imaxinación, é doado levar a literatura a todas partes. Porque, xúrovolo, todos os que estabamos no restaurante ( un sábado a noite, cheo ata arriba e imaxino que non todos lectores ), todos sen excepción, limos os orixinais e votamos.

( Para o mes que vén, o relato debe comezar coa frase de Antonio Muñoz Molina, do seu El viento de la luna: Yo nunca he visto una mujer desnuda).

Que vos preste a cea.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar