Hoxe pasei por diante da antiga librería Cervantes de Vigo. Para os que sodes desta miña cidade xa sabedes todo o que significou e a importancia que desde sempre e durante décadas tivo para miles de vigueses ata que pechou hai aproximadamente un ano. Para os que sodes de fóra, de certo que en cada unha das vosas cidades e vilas hai unha, ou un par de librerías emblemáticas ás que, polos motivos que sexan, lle tendes moita querencia.
Que unha librería desapareza é ben triste, pero moito máis se o negocio que ocupa o seu lugar camiña por vieiros radicalmente distintos dos que adoitaba ter cando era un templo de libros, de versos e de historias.
Co caso da do Cervantes cúmprese á perfección á metáfora postmoderna de que moito máis importante que o interior é a carcasa de fóra, que moito máis valorado socialmente que a lectura é a epiderme e a talla 38. Ou, cando menos, que é moito máis rendible.
Onde ata hai ben pouco había moreas de libros agora existe unha tenda ( cando menos tiveron o bo gusto de conservar o “Cervantes” no nome do negocio ) dedicado a “parafarmacia”. Mais os carteis e as verbas escritas no escaparate non deixan dúbidas: antiestrías, dietas, incompatibilidade alimentaria, control de peso…
O signo do noso tempo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.