Como moitos de vostedes saben, paso moito tempo na autoestrada. E sempre vou coa radio posta, oíndo o que os meus dedos inquedos van atopando polo dial. De cando en vez, caen na COPE, e polo xeral, alucino case que sempre.
Onte, camiño de Santiago polo serán, falaba Juan Manuel de Prada, ilustre asiduo deste blog, comentando unha película que non lembro cal era, no programa La tarde con Cristina. Púñaa verde, cousa que non me parece mal sempre e cando se argumente dende un punto de vista, digamos, cinéfilo. Pero o seu argumento era en plan: “hay muchas escenas de tríos y una apología clara del lesbianismo”.
Ata aí, nin sequera me importa a pesar da solemne parvada que é pensar que se pode fomentar unha ou outra actitude sexual cunha película. Hai que ser parvo e simplista e infantiloide e malpensado e, se me apurades, ata sucio dende un punto de vista mental.
O que me indigna, cabrea, e fai que maldiga en varias linguas diferentes, é que a tal Cristina, que ten millóns de oíntes potenciais e reais, despois do comentario do escritor (si, amigos e amigas, pódese ser escritor e dicir parvadas simplistas infantiloides malpensadas e ata sucias dende un punto de vista mental, de certo que a min se me escaparán unhas cantas de cando en vez) engada:
– O sea, ideal para Educación para la Ciudadanía.
E De Prada, que tío simpático, apostilla:
– Si, es perfecta para Eduación para la Ciudadanía.
E eu chego a Santiago preguntándome como é posible manipular tanto e tan descaradamente, como é posible facerlle crer á xente que nesa asignatura se fomentan determinadas actitudes sexuais, por outra banda, perfectamente respectables, como é posible que pensen, no fondo, que os docentes son igual de manipuladores ca eles.
Parvos, simples, infantiloides, malpensados e sucios dende un punto de vista mental.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.