Os que nos gobernan -e non é un falar: as súas decisións fan danos moi concretos- repiten, coma un mantra (para iso están os seus asesores, para dicirlles o que deben repetir coma cacatúas raiadas), explican unha e outra vez que as decisións que agora se están a tomar, durísimas (xa sabedes: reaxustes), o que buscan é alicerzar o prioritario. Daquela, todo o que suprimen, recortan, reaxustan, eliminan… non é prioritario.
A cultura non é prioritaria.
A educación non é prioritaria.
A sanidade non é prioritaria.
Previr a Sida non é prioritaria.
Porque leo que Dúrex, empresa de preservativos, donou 100.000 preservativos e 100.000 unidades de lubricante para ser repartidos canda os seus novos folletos de prevención contra o VIH. Sen embargo, o Ministerio de Sanidad decidiu non repartirlos. Segundo a ministra, Ana Mato, a decisión débese ao “alto custe” que supón o seu empaquetamento, arredor dos 9.000 euros.
E leo, que se encarga un retrato dese home guapo, digno de ser retratado, que é Álvarez Cascos, para o Ministerio de Fomento (da arte?), valorado en 190.000 euros (por que me faría escritor?, por que non aprendería a pintar?).
Os retratos dos ministros son prioritarios.
E leo que este ano no concello da Coruña van volver dedicar cartos á festa taurina.
Os espectáculos violentos son prioritarios.
Creo que eu non son prioritario. Calquera día me recortan reaxustan reubican reciclan rematan.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.