menu Menu
CONFESA: ¿POR QUE OPTACHES POLO GALEGO?
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Decembro 8, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
¿QUE PERSONAXE LEVARÍAS A UNHA ILLA DESERTA? Anterior AGORA TOCA LOITAR Seguinte

confesionario

Dende hoxe propóñovos que vos confesedes.

A pregunta é sinxela: ¿por que optaches polo galego?

Dado que hai tantos esforzándose por aí para argumentar que o galego non vale para nada, que aprender a nosa lingua é inútil, ou incluso cousas peores, pode ser interesante que os que a temos como lingua principal e vehicular das nosas vidas, nas que amamos e educamos aos nosos fillos e fillas, etc., digamos publicamente que foi o que nos moveu a facelo.

E daquela, é xusto que comece eu:

Eu son neofalante. Educado en castelán nun entorno profundamente galeguizado. Nun mercado, con iso dígoo todo. Sen embargo, pertenzo a esa xeración que foi educada no prexuízo de que o castelán era a lingua do progreso e o galego a da incultura. E a cultura, paradoxalmente, foi quen o mudou todo para min.

Eu comecei a deixarme querer pola lingua en 2º de BUP, o noso 4º da ESO actual, é dicir, nos 14 anos, nese instante fundamental no que andas á procura do teu lugar do mundo, ou o que é o mesmo, nese instante fundamental no que andas perseguindo unha idea de ti mesmo á que agarrarte para a vida adulta. Chamoume a atención que os meus profesores, é dicir, xente culta, que lía, que me explicaba o mundo, algúns incluso facíanme pensar, que eles tiveran como a súa lingua de expresión o galego. Despois cheguei a Compostela a estudar a carreira e alí xa eran practicamente todos os que tiñan o galego como lingua de comunicación, estudo e ciencia.

Daquela, a min seduciuseme dende o ámbito docente. Foron os profesores e as profesoras, co seu exemplo definitivo. Despois foi chegando todo o demais. As lecturas. As ideas. As amizades. O meu desexo de ser escritor, dende o primeiro instante, só en lingua galega.

Eu xa confesei.

Agora tócache a ti.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar