menu Menu
CONTRA A PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 14, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
Velaquí a cuberta de O NENO CAN Anterior O NENO CAN Seguinte

Onte tiven a fortuna de poder ler un texto dentro dun acto promovido por SOS Sanidade Pública en Galiza, relacionado coa Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da sanidade pública galega. Un mollo de xentes da cultura e da política de Vigo, fomos convidados a prestar a nosa voz, a nosa sinatura e compromiso, a prol da existencia dunha sanidade pública ou, se queredes, para ser máis transparente, contra o descarado exercicio de privatización que o actual goberno está desenvolvendo arredor do, miren que terrible expresión vén agora, negocio da saúde.

Alí limos todos o mellor que soubemos. E aplaudímonos e reiteramos o compromiso co sistema sanitario universal e gratuíto que logramos, como dicía o texto que me tocou ler, en xeracións anteriores e que nos foi transmitido. Eu seguín con grande interese toda a lectura, toda a argumentación -incrible que haxa que argumentar a estas alturas sobre a necesidade de que a sanidade sega a ser pública- mais hai un razoamento que me impactou profundamente. Non lembro quen foi que o tivo que ler. Pero dixo que a existencia dunha sanidade pública é un síntoma de civilización.

E pensei que si, que era así de claro. Un país civilizado é aquel que foi quen de desenvolver un sistema de asistencia, médico, persoal, psicolóxico, social, para quen está doente. Un país civilizado é aquel onde independentemente dos cartos que teñas, de como te chames, da túa nacionalidade, de calquera outra cousa, recibes atención gratuíta e a sociedade enteira, a través dese xesto, está atendéndote e coidándote. E daquela, unha sociedade bárbara é unha sociedade que desatende aos seus doentes, aos seus dependentes, e os condea a sobrevivir só se poden pagar a súa supervivencia.

Daquela, non retrocedamos e apostemos pola civilización, non pola barbarie.

Non permitamos que nos rouben, digan os mercados o que digan, o noso sistema público de sanidade.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar