Hai un par de días, conta a prensa hoxe, na miña cidade (o que non pase en Vigo…) a alguén se lle deu por tirotear ás gaivotas, matando unha delas e, segundo as crónicas xornalísticas, encher boa parte da zona de pinchos do Casco Vello de sangue coma se fose un tiroteo en toda regra. Algunhas persoas queixáronse da barbaridade, de que iso non se fai, de que hai que ser bestas.
Supoño que estamos todos de acordo.
Vale que a gaivota pode ser un chisco incómoda. E un bo amigo meu, tamén escritor, pode contar como unha lle levou media ración de empanada directamente do prato a nada que se despistou e se ergueu para saudar un coñecido. Pero acabar con elas a tiros…
Iso conta a prensa hoxe. Unha crónica dunha barbaridade.
Mais tamén, na prensa galega de hoxe, dedícanselle páxinas dabondo a José Tomás e a Espartaco, toureiros. A xente fai colas e paga na revenda, en Pontevedra, por ver as súas corridas (soa mal pero é así). Matarán uns bechos que non lles fixeron nada (aínda non vin ningún touro levar nun corno unha ración de empanada por Vigo adiante), entre grandes lagoas de sangue, os berros do animal e unha tortura programada e unha agonía espantosa.
Iso é o que non entendo. ¿Cal é a diferenza?, ¿por que matar gaivotas a tiros é unha barbaridade digna de repulsa moral e espetar cun sable un touro é arte?
E digo máis. Supoñamos que José Tomás ou Espartaco están tomándolle unhas cañas na Praza da Verdura de Pontevedra antes de ter a corrida (de verdade que me soa mal). E aparece unha gaivota que lles quere levar a empanada, e vai un dos dous e saca o sable e llo espeta no medio e medio á famenta gaivota. ¿Sería daquela arte?, ¿ou é que por que non van vestidos de luces non pode considerarse tal?
Agradezo que alguén me mostre a luz.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.