menu Menú
CRÓNICA DE PORTO
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en noviembre 14, 2010 0 Comentarios 3 min lectura
DE COMO UNHA OFERTA DO GADIS ME CONVERTEU EN PERIGOSO TERRORISTA INTERNACIONAL Anterior VOU FACER UN STREAPTEASE Siguiente

O venres e sábado tiven a sorte de participar nos 16 Encontros luso-galaico-franceses do livro infantil e xuvenil. Tiven dúas intervencións, unha como editor e outra, en diálogo con Montse Pena Presas, como autor.

O primeiro que debo reseñar, como xa teño comprobado en saídas polo estilo, é a calidade humana dos compañeiros e compañeiras de delegación. Para sempre quedan na memoria as conversas, longas (así debería de ser o mundo) do almorzo, espertando(nos) de vagar cun sorriso, falando de literatura, do país, da marmelada, de iPads, do divino, do humano. Torradas con humor do bo pola mañá (así debería ser o mundo). Outro tanto debo dicir dos paseos abeirados pola escuridade cómplice da noite, cando as conversas se volven máis transcendentes e máis disparatadas (así debería ser o mundo). Só por iso, xa pagou a pena estar alí.

No puramente literario, constatei, tamén, que a forza e vitalidade dos galegos e das galegas que participan neste tipo de eventos é exemplar e, sobre todo, inspiradora para os que nos acollen. Nese senso hai que entender as fantásticas intervencións de Carlos Negro e Fran Alonso. O primeiro, conseguiu que o auditorio enteiro cantase algúns versos do seu Makinaria. Pola súa banda, Fran Alonso, que viña falar desa marabilla editorial chamada Poetízate, namorou ao público co seu discurso prendido de emoción a prol da necesidade de darlles de comer poesía aos e ás adolescentes (xenial o instante no que lle pide a Carlos Negro que lle chame polo móbil e, como ton de chamada, sae un poema seu… porque a poesía, como di Fran, pode estar en calquera parte, tamén no móbil).

Tralo xantar, tiven a honra de compartir mesa co editor da histórica Caminho, Jose Oliveira. A min tocoume falar dalgunhas cousas que dende Galaxia estamos a facer en realción aos novos formatos de edición. O mellor, o coloquio posterior.

Na sesión da tarde, Mercedes Cerdeira e Remedios Vázquez, das Bibliotecas da Coruña fixéronnos entender por que a cidade herculina ten, probablemente, un dos mellores servizos bibliotecarios de todo o estado. É normal: poucas veces teño ollado biblitecarias máis entusiastas niso de facer de verdade animación á lectura que elas as dúas. Lóxico que os cativos e cativas vexan a Biblioteca como a súa casa.

Logo, música, paseos, ceas, brindes. E o Majestic, un dos cafés máis lindos de Europa… en definitiva, un mollo de galegos e de galegas, comandados por Miguel Vázquez Freire, veterano asistente a estes coloquios, á conquista da noite do Porto.

Ao día seguinte, canso pero feliz, compartín mesa co poeta portugués Álvaro Magalhaes e co tamén luso, narrador, Antonio Mota. A miña intervención foi precedida pola análise detallada da miña obra feita, cun rigor intelectual e unha claridade expositiva de sacar o chapeu, a cargo de Montse Pena Presas. Despois, entrevistoume. E eu paseino moi ben explicando as claves da miña obra, tanto para adultos e adultas como para crianzas. O coloquio seguinte foi realmente interesante.

Os encontros seguiron, pero eu tiña que me volver pois o martes lisco para Madrid para participar no Foro Internacional dos Contidos Dixitais e, como imaxinaredes, as ganas de estar na casa tamén son  moitas.

A conclusión: temos unha literatura infantil e xuvenil chea de forza, de entusiasmo e, sobre todo, con gran capacidade para dicirlles cousas interesantes ao mundo.

Mágoa que moita xente por aquí nin o saiba (nin lle importe).


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar