menu Menu
CRÓNICA URXENTE DO GALEUSCA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Novembro 9, 2008 0 Comentarios 2 min lectura
UN CURA CON SENTIDIÑO Anterior A VALENCIA Seguinte


Hoxe volvimos de Valencia e Sueca, a delegación galega que foi ao Galeusca. Canso, pero feliz, redacto unhas liñas para unhas primeiras impresións.
É a primeira vez que participo nun Galeusca, mais estou certo de que repetirei todas as veces que poida. Coido que os catro días de convivencia, entre nós, pero tamén cos compañeiros e compañeiras das literatura vasca e catalá, ver coma eles partillan preocupacións e esperanzas similares ás nosas, cargan as pilas de calquera.
Síntome agora así. Coas pilas cargadas. Pleno da mellor das adrenalinas.
Marilar Aleixandre, Xavier Queipo e mais eu tivemos a honra de que se nos permitise falar de asuntos que teñen que ver coas nosas obras. Un verdaeiro privilexio. Cando menos, eu vivino así. Manuel Forcadela ( na voz de Antía Otero, pois nun último instante non puido vir ), Elvira Riveiro e Anxos Sumai puxeron as voces literarias no recital. O resto dos compañeiros e compañeiras, a súa lucidez nos debates.
Despois destes catro días sen case durmir ( pois tan interesantes coma os debates foron as sobremesas e os paseos baixo da lúa de Valencia )quédannos as moitas palabras arredor da literatura, do estatus do escritor dunha lingua minorizada, sobre as propias paisaxes e proxectos literarios. Pero, sobre todo, queda o entusiasmo de medio cento de autores e autoras que fan fronte gozosa común arredor da fantasía, da literatura, das boas historias e dos versos mais fermosos.
Porque iso é o que eu destacaría: por enriba de moitísimos asuntos que se trataron, por enriba de todos os nosos problemas e por enriba de todos os atrancos que decote atopamos no desnevolvemento do noso oficio, están as ganas enormes de que, dunha vez, se saiba que do único que queremos falar é de literatura, igualados, como mantiven na miña intervención, co resto das literaturas do mundo. Porque as nosas literaturas non son mellor que as outras. Pero tampouco peores. Porque os que aquí escribimos non o facemos mellor que o resto. Pero tampouco peor. Somos literaturas grandes no medio doutras literaturas grandes.
Medio século de Galeusca despois, seguen os azos para seguir soñando en palabras propias.
Polo demais, que podo dicir do privilexio de pasar tanto tempo con tanta xente interesante. Síntome máis rico. Máis grande. Afortunado.
Canso e feliz. Xa melancólico.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar