Lendo sobre Darwin, un home que sempre me fascinou e sobre o que levo lendo dende hai décadas, descubro algo que non sabía: que só lía novelas das que soubese que tiñan un final feliz.
Pareceume un dato marabilloso. Un detalle vital tenro. Como non sentir iso diante da imaxe dun velliño gastado pola vida lendo tralos lentes fermosas novelas con final feliz marabilloso. Como non sorrir ao pensar naquel científico de ricto serio, de home rigoroso, que traballaba arreo e contra o mundo ao saber que por dentro estaba un lector de novelas que buscaba que todo rematase ben, que as cousas cadrasen, que os malos fosen castigados, que as inxustizas non existisen.
Todo o contrario do que foi a súa vida.
Perseguido pola intolerencia relixiosa (por certo, dende hoxe manda Trump nun país onde nalgúns estados o evolucionismo está prohibido), censurado publicamente, caricaturizado como «mono» na prensa da época… pasounas canutas. Non foi a súa unha vida feliz (escapou da casa sendo moi neno, entrou no Beagle máis interesado en fuxir dun fogar afogante que polo interese científico) así que se refuxiaba nas novelas. Onde todo era perfecto, gañaban os bos e a vida era como debería de ser.
Por iso lemos, en parte. Porque queremos que o mundo sexa distinto a como é o mundo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.