Estes días andiven por aeroportos varios.
E xa me tiña que tocar vivir o absurdo da paranoia da seguridade. A min, que teño esta cara de santiño que todos sabedes. Eu, considerado perigoso terrorista internacional en potencia.
Cando ía subir ao primeiro dos avións que estes días tiven que coller, os de seguridade, despois de meter a miña cativa maleta no scanner ou como se chame o trebello máxico ese por onde hai que metelo, paráronme. Tiña que abrir a maleta. Había algo raro.
Imaxinade a escena: eu alí, descalzo, quitado o cinto (o pantalón a medio caerme), co abrigo nunha bandexa, mentres todos me ollaban espantados. Unha señora colleu ao seu pequecho no colo, por se acaso. Eu comecei a alucinar e xa me vía como a perruqueira de Arcade posando no Interviú en bólas, con perdón, e contándoo en La Noria. Que me meterían. Ai mimá.
Descalciño vou para unha esquina. Un señor moi grande e unha señora menos grande pero con cara de enfado van comigo. Abro a maleta. Libros (daquela, xa empezan a pensar que debo de ser un tipo perigoso). E un neceser. E velaí o problema.
Toda a culpa foi do GADIS.
O problema é que o bote de escuma de afeitar era de oferta, é dicir, que merquei un deses tamaño extra-longo cun non sei cantos por cento máis de cantidade. E, seica, as normas internacionais de seguridade din que con iso, seica, podo secuestrar o avión. Seica. É dicir, que a Gran Policía Mundial ten medo de que vaia un fulano calvo desequilibrado e saque en pleno voo a escuma de afeitar e se líe a chorrazos de escuma contra a tripulación, os cento e pico pasaxeiros e despois, xa na cabina, deixe cegos ao piloto e ao copiloto coa escuma de oferta do GADIS para facerse co control do aparato, iso si, pilotando só cunha man e, coa outra, sempre apuntando co sprai á cara da sobrecargo que, aterrorizada, accedería a todos os meus desexos terroristas.
Tiven que tirar a escuma. Que viña de comprar eu todo feliz porque estaba de oferta.
Puxen as bótas, o cinto e a humillación enriba das costas e subín á porta de embarque. Sen entender moi ben como puidemos chegar a tanta parvura cósmica.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.